Kern Pharma obtén unha prórroga de seis meses para iniciar a súa fábrica de inxectables no Reboredo

A empresa dispón agora ata xullo para comezar a primeira fase dun proxecto industrial que prevé catro áreas produtivas e máis de cen empregos para Monforte

En maio de 2025, responsables de Kern Pharma acompañaron ao alcalde nunha visita aos terreos do polígono, onde expuxeron as causas da demora das obras. Foto GPCM.

O Concello de Monforte acordou ampliar en seis meses o prazo que tiña Kern Pharma para iniciar as obras da súa futura planta de medicamentos inxectables no polígono do Reboredo. A decisión adoptouse na xuntanza da Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns, logo de analizar a solicitude formal presentada pola compañía o día 22 de xaneiro a través da sede electrónica. O alcalde, José Tomé, salientou que esta petición “amosa que o interese da empresa por instalar aquí o seu proxecto” se mantén a pesar dos atrasos acumulados nos últimos exercicios.
Kern Pharma é propietaria das parcelas unificadas 1C, 2C e 3C da rúa 3 do parque empresarial, adquiridas entre 2019 e 2021. Conxuntamente suman preto de vinte mil metros cadrados e sitúanse na zona máis próxima ao concello de Sober. Nese espazo está prevista a construción dunha fábrica de arredor de 14.000 metros cadrados, concibida para funcionar con catro liñas produtivas diferenciadas e diversas áreas auxiliares de apoio.
A firma xa trasladara ao Concello que o atraso no arranque do proxecto obedecía a un conxunto de circunstancias que afectan ao sector farmacéutico. Entre elas figuran as consecuencias económicas derivadas da pandemia, o encarecemento da obra civil e da maquinaria industrial necesaria para este tipo de instalacións e a presión competitiva do mercado internacional, especialmente polo crecemento dos medicamentos xenéricos fabricados en China e India. Estes factores, segundo expuxeron directivos da empresa en encontros previos co goberno local, ralentizaron a implantación de novas plantas en varios países europeos.
O proxecto presentado por Kern Pharma no seu momento establecía catro áreas de produción. A primeira fase, á que corresponde a licenza agora prorrogada, contempla levantar a infraestrutura civil necesaria e activar a liña dedicada á fabricación de ampollas, que será a primeira en entrar en funcionamento. As outras tres liñas distribuiranse entre a produción de viais e dous espazos orientados ao desenvolvemento de proxectos de innovación. Ademais das zonas destinadas á fabricación, o deseño inclúe laboratorios, área loxística e oficinas, seguindo criterios de ecoeficiencia e sustentabilidade.
Segundo os cálculos iniciais, o investimento total previsto achégase aos 60 millóns de euros, dos cales 33 millóns corresponden a esta primeira etapa. No momento da presentación pública do proxecto, en setembro de 2022, a compañía tiña como horizonte iniciar a actividade produtiva no primeiro semestre de 2025. Porén, as previsións foron variando ao longo do tempo e, aínda que o Concello confiaba en avances durante o último trimestre de 2025, finalmente o calendario volveu atrasarse.
A nova prórroga estende a vixencia da licenza ata xullo de 2026, prazo no que a empresa deberá comezar as obras se quere manter a autorización municipal. O alcalde lembrou que o Executivo local segue en contacto cos responsables de Kern Pharma e que o Concello considera esta iniciativa industrial unha aposta estratéxica tanto para Monforte como para o conxunto da comarca, polo impacto económico e laboral que representa. Con todo, insistiu en que será a empresa quen marque os ritmos, condicionados pola evolución do mercado farmacéutico e polas decisións de investimento que adopte o grupo empresarial.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Gran Camiño 2026 regresa a Galicia co espectáculo do ciclismo profesional

Seguinte Nova

Monforte, sede dunha nova edición da Olimpíada de Xeoloxía

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Quique González

Cantautor fundamental do panorama nacional, Quique González explora a sensibilidade expresiva da canción e fálanos da súa relación co escenario As cancións
Ir aInicio

Don't Miss