
Monforte celebrou o pasado 3 de febreiro a tradicional festividade de San Blas, patrón das enfermidades da gorxa, cunha notable participación de veciños e veciñas na misa e procesión organizada na igrexa de San Vicente do Pino. Ás 11.00 horas, a misa congregou aos asistentes que acudiron para bendicir as cintas de cores, que se pasan polo pescozo do santo, e as roscas elaboradas nas pastelerías, panaderías e fogares do municipio.
A procesión percorreu os exteriores do templo e, ao seu regreso, realizouse a bendición das cintas e dos doces que se colgan nelas, mantendo viva unha tradición que se conserva en Monforte ao longo de décadas. A Tenente Alcalde, Gloria Prada, e os concelleiros de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, Deportes e Consumo representaron ao alcalde, José Tomé Roca, ausente por compromisos institucionais.
Para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da celebración, a Policía Local habilitou un dispositivo especial de tráfico nos accesos á igrexa e nas rúas próximas. O acto combinou o carácter relixioso coa tradición popular que caracteriza esta cita anual en Monforte.•





