A actuación permitirá recolocar pezas desprazadas e conservar un ben histórico protexido

O Concello de Monforte informou esta pasada semana da contratación das obras de reparación dos danos ocasionados na Ponte Medieval por dous accidentes de tráfico. A Xunta de Goberno Local adxudicou os traballos á empresa Nature Infraestructuras y Servicios SL por 10.889,13 euros, co obxectivo de restaurar as zonas afectadas e preservar este ben inventariado no Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico da cidade.
Segundo explicou o alcalde, José Tomé Roca, o primeiro accidente produciuse hai varios anos e afectou cinco sillares na zona de entrada á ponte á esquerda, mentres que o segundo, no pasado 2025, desprazou 10 pedras no primeiro cubo á dereita. “A Ponte Vella é parte da imaxe da nosa cidade, por iso debemos mantela nas mellores condicións”, sinalou o rexedor.
Os traballos consistirán en levantar os sillares desprazados, limpar manualmente as xuntas e a zona de asento, retirando restos de terra, pequenos fragmentos de pedra, morteiro e vexetación, e recolocalos na súa posición orixinal. O tramo á esquerda mide aproximadamente 2,10 metros e o á dereita 4,50 metros. Ademais, limparase a pedra con cepillo de forma manual para garantir que se conserven tanto a imaxe como a estrutura histórica da ponte.•



