
A quinta edición de O Gran Camiño, que se celebrará entre o 14 e o 18 de abril, promete converter Galicia nun escaparate internacional do ciclismo profesional, combinando deporte, territorio e historia. O acto de presentación tivo lugar no Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón, coa presenza do director da proba, Ezequiel Mosquera, quen subliñou que “isto non é unha proba deportiva máis, senón historia de Galicia”, e do exciclista Óscar Pereiro, embajador do evento, que salientou que OGC é “unha carreira patrimonio de todos e un homenaxe aos que levan anos traballando polo ciclismo en Galicia”.
A proba arrancará cunha contrarreloxo en A Coruña de 14,8 km, con saída e meta na Torre de Hércules. A segunda etapa explorará a provincia de Lugo, desde Vilalba ata a Praia de Coto, en Barreiros, percorrendo A Terra Chá e A Mariña e subindo dous altos de terceira categoría, A Gañidoira e Noceda, pasando por Muras, Ourol, Viveiro, Xove, Burela, Foz e Ribadeo. Nesta edición, o percorrido non atravesará o sur da provincia, unha novidade destacada pola organización.
O xoves 16 será a quenda da provincia da Coruña, cunha etapa de 173 km entre Carballo e Padrón, incluíndo Santa Comba, Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo, e tres altos puntuables: Campelo (3ª), A Muralla (2ª) e Formarís (3ª). A etapa reina levará aos ciclistas a Ourense, entre Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo, 155,5 km con 3.103 metros de desnivel, pasando por Allariz, Celanova, Ourense e Maceda, con subidas ao Alto do Rodicio (3ª) e dúas ao Alto de Meda (1ª), onde estará a meta.
O broche final será en Pontevedra, cun percorrido de 170 km entre As Neves e A Guarda, con chegada en alto no Monte de Santa Trega, pasando por Arbo, Ponteareas, Salvaterra de Miño, Tui e Tomiño e realizando dúas subidas ao Alto da Portela (2ª). A proba contará con grandes equipos internacionais, como Visma Lease a Bike e UAE Team, e a súa organización contou coa implicación da Xunta e as catro deputacións provinciais.•



