O IES Daviña Rey abríu as súas portas para amosar o seu potencial técnico e formativo

A segunda edición da Feira da FP reuniu a alumnado, familias e profesorado en máis de vinte obradoiros e espazos demostrativos

Expuxéronse traballos nos que se poñen en práctica os coñecementos adquiridos nas diferentes modalidades de aprendizaxe. Foto IESDR.

O IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos celebrou os días 3, 4 e 5 a segunda edición da Feira de FP, un encontro no que o centro abriu as súas portas ao alumnado da contorna, ás familias e a quen desexase coñecer de primeira man a formación profesional que se imparte no instituto. O obxectivo, segundo explica a dirección, é achegar as distintas familias profesionais ás persoas interesadas e mostrar os proxectos que o alumnado desenvolve ao longo do curso.
A feira estruturouse en visitas matinais para estudantes de Primaria e Secundaria de Monforte e municipios próximos, mentres que o xoves pola tarde se reservou unha quenda aberta ao público xeral. O instituto oferta ciclos das áreas de Sanidade, Electricidade e Electrónica, Transporte e Mantemento de Vehículos e Servizos Socioculturais e á Comunidade. Cada departamento instalou espazos expositivos con maquetas, equipamento técnico e materiais didácticos elaborados polo alumnado.
O programa incluíu obradoiros prácticos como a elaboración dun insectario, simulación de limitacións físicas mediante un traxe de edadismo, demostracións de extracción de sangue e determinación do grupo sanguíneo, prácticas de hixiene dental e sesións de reanimación cardiopulmonar. Nas áreas tecnolóxicas realizáronse actividades de programación, domótica, impresión 3D, corte con láser, control remoto de vehículos, probas de condutividade eléctrica e manexo de drons. O alumnado de automoción amosou procedementos básicos de mantemento, mentres que a área de Educación Infantil exhibiu recursos de estimulación temperá e materiais pedagóxicos creados no centro.
A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, visitou a feira acompañada pola directora, Raquel Aira, e participou nalgunhas demostracións. A representante municipal experimentou simulacións de mobilidade reducida, coñeceu materiais de aula infantil e tomou parte en prácticas asistenciais como unha analítica, unha consulta odontolóxica simulada e exercicios de RCP e da manobra de Heimlich. Tamén visitou a vivenda domótica instalada polo alumnado e puido probar unha máquina recreativa construída no propio instituto.
Prada destacou o traballo do profesorado e do alumnado na preparación dos espazos e salientou que a feira ofrece unha oportunidade para que o estudantado de ESO e Primaria coñeza de maneira directa as opcións que ofrece a FP. A dirección do centro valora que a iniciativa permite mostrar o labor diario que se desenvolve nas aulas e contribúe a reforzar a imaxe da FP como unha vía formativa vinculada á innovación e ao emprego.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Xunta aposta polo sector apícola con axudas para mellorar a súa competitividade

Seguinte Nova

A XVI Carreira Popular de Monforte celebrarase o 26 de abril

Últimas noticias sobre EMPREGO

Ir aInicio

Don't Miss