
O DOGA recolle a orde de 2026 destinada a apoiar ás pequenas e medianas empresas, persoas autónomas con persoal contratado e, como principal novidade, ás entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan medidas de igualdade laboral, conciliación e responsabilidade social empresarial. A convocatoria conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros e prevé chegar a arredor de 200 organizacións de distintos sectores.
As axudas estrutúranse en tres liñas. A primeira está orientada á elaboración e implantación de plans de igualdade, cunha dotación de 200.000 euros e subvencións que poden acadar os 20.000 euros por proxecto, incluíndo gastos de diagnose previa, asesoramento especializado e execución das medidas previstas.
A segunda liña, con 1,1 millóns de euros, céntrase na mellora da conciliación da vida laboral, persoal e familiar. Neste apartado inclúense incentivos para o teletraballo, con achegas de ata 2.000 euros por persoa traballadora e un máximo de 8.000 euros por empresa, así como para a implantación de sistemas de flexibilidade horaria, con subvencións de ata 8.000 euros por entidade. Tamén se financia a adquisición de medios tecnolóxicos necesarios para o traballo a distancia, cubrindo ata o 80 % do investimento.
A terceira liña, dotada con 100.000 euros, facilita a obtención de certificacións en responsabilidade social empresarial, financiando ata o 80 % dos custos do proceso, cun tope de 2.000 euros. Como novidade, introdúcese por primeira vez o apoio á certificación en benestar laboral. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 18 de marzo.•





