
A Xunta vén de licitar o servizo de limpeza, desinfección e xestión de residuos de 42 centros de atención primaria pertencentes ás áreas sanitarias de Lugo, A Mariña e Monforte, cun investimento inicial de 4,64 millóns de euros e unha vixencia de dous anos prorrogables. A proposta abrangue unha parte destacada da rede asistencial da provincia, como os centro de saúde de Monforte, Sober, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sarria, Chantada e Quiroga, ademais do PAC destas tres últimas localidades.
O contrato cobre a limpeza interior, o mantemento de paredes, linóleos e mobiliario, así como a xestión dos case 11.000 metros cadrados de vidro existentes no conxunto dos edificios. En total, a superficie obxecto de servizo supera os 46.000 metros cadrados, distribuídos por zonas rurais e urbanas nas que estes centros constitúen a primeira referencia asistencial. O documento tamén inclúe actuacións de desinfección en espazos de uso continuado e a retirada de residuos xerados pola actividade sanitaria.
A previsión contempla que, de activarse a prórroga máxima, o valor do contrato ascenda a máis de 9,2 millóns de euros, co obxectivo de garantir unha prestación continuada que permita manter condicións hixiénicas e de seguridade tanto para os profesionais como para os usuarios. Este tipo de servizos resulta esencial para cortar cadeas de transmisión epidemiolóxica, especialmente nos centros de saúde situados en áreas con elevada dispersión poboacional e coñecidas pola súa dependencia da atención primaria.•



