A sala amplía espazo, incorpora cinco áreas de adestramento e contará cun monitor en horario de mañá e tarde

O Concello de Monforte abrirá o novo Ximnasio Municipal de A Pinguela o vindeiro 2 de marzo, coincidindo coa posta a punto das instalacións renovadas tras a incorporación do novo equipamento deportivo. A visita do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca permitiulle ver unha sala totalmente reformada, concibida para ofrecer máis espazo, mellor distribución e un uso máis cómodo para todos os usuarios. O investimento en equipamento ascendeu a 114.000 euros, cifra que inclúe tanto as máquinas de musculación e cardiovasculares como o material auxiliar, espellos e outros elementos necesarios para completar o servizo.
A nova sala, de 300 metros cadrados, organízase en cinco áreas diferenciadas de adestramento. A zona cardiovascular conta con cintas, elípticas e bicicletas orientadas cara unha ampla cristaleira que permite iluminación natural. A área de máquinas selectorizadas incorpora equipos destinados ao traballo de pernas, peito, ombreiros e espalda, mentres que o espazo de peso libre dispón de bancos regulables, halteras e estacións multipower. A isto súmase unha zona funcional equipada con módulos, barras, poleas e material variado como balóns, gomas elásticas, fitballs ou kettlebells, ademais dunha área final destinada ao estiramento con dezaoito colchonetas.
O ximnasio manterá o mesmo horario que a Piscina, con franxas de mañá e tarde de luns a venres, e horarios específicos durante as fins de semana. Como novidade, o servizo contará cun monitor responsable de asesorar aos usuarios e supervisar o funcionamento diario da sala. Desde o Concello destacan que esta apertura supón completar a renovación integral do Complexo Deportivo de A Pinguela, que nos últimos anos incorporou un pavillón totalmmente remodelado e unha piscina nova.•



