
Pantón pechou o ciclo do Entroido cun desfile que volveu consolidarse como unha das citas máis concorridas da Ribeira Sacra. O evento reuniu máis de 1.500 participantes repartidos en 43 comparsas, que partiron do CEIP Monte Baliño e percorreron as rúas de Ferreira ata chegar á Praza do Concello, acompañados por centos de veciños e visitantes que seguiron o seu paso ao longo de todo o traxecto. A tarde estivo marcada pola música, a cor e a variedade de propostas, que combinaron referencias tradicionais con creacións máis actuais.
A comitiva estivo encabezada polos traxes tradicionais do Entroido de Budián, que abriron o desfile antes da entrada das restantes agrupacións. A animación musical correu a cargo de Tambukda e da charanga Os Sureños, que puxeron ritmo ao percorrido desde as 16.10 horas e durante máis de dúas horas e media. Unha vez na Praza do Concello, a festa continuou cun chocolate quente con biscoito para os participantes, mentres que os nenos e nenas que desfilaron recibiron un paquete de lambetadas; en total repartíronse 600 unidades, segundo informou a organización.
Antes de retomar a música, procedeuse á lectura do fallo do xurado, integrado por representantes elixidos por sorteo entre as comparsas de máis de dez compoñentes e unha persoa allea ao desfile que exercía o voto de calidade en caso de empate. Na valoración tivéronse en conta o vestiario, a elaboración dos disfraces, a maquillaxe, a posta en escena e a música empregada por cada grupo.
Na categoría de comparsas adultas grupo A, o terceiro premio foi para «El reino de las chuches», o segundo para «La fraga encantada» e o primeiro para «A música saíu da lámpada». No grupo B, Familia Mouse acadou o terceiro posto, Chourizos de Ferreira o segundo e Desconfínate o primeiro. No grupo C, o terceiro premio recaeu en «Os australianos visitan Pantón», o segundo en «Fantasía Animal» e o primeiro en «Buzz Light Year».
Entre as comparsas infantís de dez ou máis compoñentes, o terceiro premio foi para «Circo Estrella», o segundo para «Os furbiños» e o primeiro para «O arrecife de coral do cole de Oural», pechando unha xornada que volveu a por de manifesto a forte implicación social de Pantón coa celebración do Entroido e coa súa programación festiva anual.•



