
A programación da XLIII Feira do Viño de Chantada foi presentada este martes e desenvolverase do 6 ao 8 de marzo, mantendo o formato habitual na carpa da avenida de Monforte. O concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez Carballo, lembrou que “a Feira celébrase o segundo domingo de marzo” e expresou o desexo de que o tempo acompañe para abrir o calendario vitivinícola da Ribeira Sacra.
Nesta edición participan trece adegas da zona, que abrirán os seus postos o venres ás 20.00 horas. Media hora despois actuará a Agrupación Tradicional da Casa da Música, que este ano adianta a súa intervención
ao día inaugural. O sábado pola mañá será a quenda da Banda de Música de Chantada e o domingo da Banda de Gaitas. Diéguez destacou que “o formato está consolidado e funciona”, aínda que se incorporan pequenos cambios, como o traslado da cata popular ao Auditorio Municipal.
O pregón do domingo, ás 13.00 horas, correrá a cargo do humorista e presentador Roberto Vilar, precedido da lectura do manifesto do 8M. A Feira inclúe actividades infantís, o VI Túnel do Viño e as feiras de Oportunidades e Artesanía. O concelleiro lembrou que a cita estará dedicada a José María Gómez de Tojeiro “polo seu traballo en favor da Feira e da Denominación de Orixe”.•



