Margarita López deixa a concellería de Igualdade no medio da crise polo caso Tomé

A concelleira renuncia por “motivos persoais” e a súa substitución prevese para finais de marzo, mentres a oposición mantén a presión polo futuro do alcalde

A xa exconcelleira de Muller e Igualdade de Monforte, Margarita López Rodríguez, durante os actos do 8M do pasado ano. Foto MONTERO.

A concelleira de Muller e Igualdade de Monforte, Margarita López Rodríguez, renunciou á acta no pleno do luns. O alcalde, José Tomé, deu conta da decisión ao remate da sesión, despois de que a edil a comunicase horas antes alegando «motivos persoais».
López ía no décimo posto da lista coa que o PSOE logrou dez das 17 actas en 2023 e integrou os executivos de Tomé desde o primeiro mandato, á fronte de Igualdade. Co resultado das municipais, o PP quedou con catro edís, o BNG con dous e Esperta Monforte con un, o que consolidou a maioría absoluta socialista no salón de plenos. A súa saída prodúcese no medio da polémica polas denuncias internas de presunto acoso sexual contra o rexedor. As acusacións fixéronse públicas en decembro de 2025 a través da TV e Tomé negounas, falando de montaxe e anunciando medidas legais; días despois dimitiu como presidente da Deputación de Lugo e pediu a suspensión cautelar de militancia, mais mantivo a Alcaldía como non adscrito. Segundo os testemuños difundidos, as denunciantes describiron tocamientos non consentidos, chamadas e mensaxes con contido sexual e mesmo ofrecementos de emprego a cambio de favores. O 30 de decembro formalizouse a renuncia na Deputación e quedou rexistrada a súa condición de deputado non adscrito nun pleno extraordinario. Nas últimas semanas, PP, BNG e Esperta Monforte reclamaran a dimisión de López pola súa falta de resposta política tras se coñecer as denuncias, e o BNG avanzou que non estará nos actos institucionais do 8M organizados polo concello, promovendo unha axenda propia na comarca. A vacante comunicarase á Xunta Electoral e prevese que a substitución se formalice no pleno de finais de marzo; de respectarse a lista, entraría Miguel Tomé López, fillo do alcalde. No pleno, Tomé agradeceu o labor da concelleira: «Compañeira Margarita, darche as grazas polo traballo de todos estes anos. Estou convencido de que vas seguir traballando polo PSOE e colaborando con este equipo de goberno».

Margarita López: “Non deixo a loita, non deixo os valores que me inculcou unha nai que hoxe ten 91 anos e necesítame física e emocionalmente ao seu lado. Só cambio o lugar desde o que seguir defendendo unha sociedade máis xusta, máis libre e máis humana. E seguireino facendo desde o Partido Socialista, porque os maiores avances sociais fixéronse desde o Partido Socialista. En especial en materia de igualdade e violencia de xénero»


Pola súa banda, López fixo balance e apelou á utilidade pública das políticas de igualdade: «Hoxe non é un adeus calquera . Hoxe voume coa tranquilidade de intentalo con honestidade e compromiso», afirmou, engadindo que non abandona esa defensa: » Non deixo a loita. Só cambio o lugar desde o que seguir defendendo unha sociedade máis xusta».
Desde o BNG recoñeceron o paso a un lado de López e advertiron de que a crise institucional segue aberta mentres o alcalde continúe no cargo. «Non se poden dar leccións de feminismo desde o propio concello mentres non se actúe de maneira consecuente», indicaron, cualificando a decisión da exedil de «responsable e valente».
O PP cualificou de «inaceptable» a actitude do rexedor e volveu pedir a súa dimisión. A portavoz popular, Katy Varela, considerou «preocupante» que a marcha de Igualdade coincida co caso e que entre na corporación o fillo do alcalde, porque «agrava a percepción pública de clientelismo e enchufismo» e «non axuda á credibilidade das políticas de igualdade». Os populares lamentaron tamén que sexa a concelleira quen dea o paso, e non quen, din, debe despejar a «sombra da dúbida» sobre as condutas que se lle atribúen.
O pulso político en Monforte xa deixara episodios de alta tensión na fin de 2025: concentracións feministas convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres na praza do Campo de San Antón, con preto dun cento de persoas, e un pleno bronco no que Tomé Roca confirmou que seguiría no posto e que pasaría a non adscrito desde o 1 de xaneiro.
Mantense, polo tanto, a crise política no concello de Monforte, logo dun bronco pleno que rematou coa nova da dimisión de Margarita López. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Monforte amplía o investimento para renovar por completo o saneamento do polígono do Reboredo

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss