A querela da Fiscalía agrava a crise política ao redor de José Tomé Roca en Monforte

BNG e PP esixen a dimisión inmediata de José Tomé Roca como alcalde de Monforte logo de confirmarse a denuncia por presunto acoso sexual. Foto EC.

A crise institucional aberta en Monforte deu un salto cualitativo a pasada semana despois de que a Fiscalía de Lugo confirmase a tramitación dunha denuncia por presunto acoso sexual contra José Tomé Roca, alcalde da cidade e expresidente da Deputación. A querela, presentada por unha particular, introduce por primeira vez o asunto na vía penal tras semanas de informacións mediáticas e desmentidos públicos por parte do propio Tomé, quen insistira ata agora en que non existía denuncia formal contra el. Con esta confirmación, o escenario político na comarca quedou completamente alterado e multiplicáronse as peticións de dimisión do rexedor.
O PSdeG, partido ao que pertence Tomé, emitiu un comunicado no que insiste no respecto á presunción de inocencia, pero admite que a entrada da denuncia na Fiscalía obriga a suspender o procedemento interno aberto no seu Canal Antiacoso. A dirección socialista asegura que o proceso xudicial debe desenvolverse con “todas as garantías” e sinala que actuará en función do que se determine, insistindo en que a decisión de denunciar sempre corresponde á vítima e que “vivimos nun Estado de Dereito no que a Xustiza debe actuar con rigor”.
A reacción máis contundente chegou desde o Partido Popular. A secretaria xeral do PPgalego, Paula Prado, reclamou “responsabilidades políticas inmediatas” e acusou ao PSOE e ao BNG de manter unha actitude “cómplice” ao non esixir xa a saída do alcalde. Nun encontro en Monforte con cargos do seu partido, Prado cualificou de “insostible” a permanencia de Tomé na Alcaldía e pediu a súa dimisión tanto no Concello como na Deputación, onde aínda conserva acta de deputado provincial. Xunto a ela, a portavoz municipal dos populares, Katy Varela, cualificou a situación de “vergoñenta”, de feito o PP non acudiu aos actos do 8M pola presenza do alcalde neles.
Tamén o BNG fixo pública a súa postura. A formación nacionalista, que xa expresara preocupación polas primeiras informacións, considera que o Concello se atopa nunha situación “institucionalmente insostible” e defende que a responsabilidade política é independente da xudicial. O voceiro do Bloque en Monforte, Emilio J. Sánchez, afirmou que “a exemplaridade no exercicio do cargo é unha obriga democrática” e pediu que Tomé dea un paso ao lado para evitar un maior dano á institución. O BNG advertiu ademais do impacto que esta situación está tendo na representación institucional da cidade, lembrando que o Concello non foi convidado ao acto oficial da Feira do Viño de Chantada para evitar compartir espazo co alcalde.
Mentres tanto, no propio Concello a tensión medrou nos últimos días. O grupo municipal do PP ofrecou os seus votos para facilitar unha alternativa de goberno que permita substituír a Tomé, ao considerar que a cidade precisa “recuperar a dignidade da Alcaldía”. Nunha comparecencia, Varela acusou o PSOE de “normalizar unha situación gravísima” e instou aos concelleiros socialistas a apoiar un cambio de goberno que “devolva estabilidade a Monforte”. Para os populares, a permanencia de Tomé no cargo supón un “lastre” que prexudica a imaxe da cidade e pode frear investimentos.
A nivel provincial, a polémica tamén tivo repercusión. Os deputados do PP na Deputación de Lugo pediron explicacións públicas á presidenta, Carmela López (PSOE), e ao vicepresidente, Efrén Castro (BNG), pola continuidade do pacto de goberno co alcalde monfortino. O voceiro popular, Antonio Ameijide, reafirmou que o executivo provincial non tería saído adiante sen o voto de Tomé e acusou aos partidos de goberno de manter unha actitude “cómplice” ao non actuar tras coñecerse novos detalles do caso. Para Ameijide, “o PSOE preferiu protexer ao presunto agresor antes que á vítima” e reclamou a dimisión inmediata de todos os cargos implicados en coñecer ou non comunicar a suposta situación.
Por agora, José Tomé mantivo silencio público tras a confirmación da querela e segue desempeñando as súas funcións institucionais. A investigación da Fiscalía continuará o seu curso mentres a presión política e social aumenta nunha das maiores crises institucionais das últimas décadas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O 8M en Monforte queda marcado pola crise institucional arredor de José Tomé Roca

Seguinte Nova

Alumnado do IES Daviña Rey visita Estrasburgo para coñecer as institucións europeas

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

Ir aInicio

Don't Miss