
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou nunha reunión de seguimento da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, celebrada na adega Regina Viarum, en Sober. O encontro centrouse en revisar o estado do expediente e coordinar os próximos pasos antes da resolución prevista para o mes de xuño.
Na xuntanza explicouse que, tras a fase técnica, se abre agora unha etapa “máis política”, orientada a dar a coñecer o proxecto entre os 21 países que integran o Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO. A decisión final sobre as candidaturas está programada para a sesión que se celebrará en Busán, na República de Corea, entre o 19 e o 29 de xullo. A deputada destacou o compromiso absoluto da Deputación coa Ribeira Sacra, e subliñou que o organismo provincial realiza un seguimento “minucioso” de todo o proceso e apoiará “ata o final” as xestións necesarias para lograr o recoñecemento internacional da zona. Na reunión participaron tamén o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a subdelegada da Xunta en Lugo, Olimpia López, representantes da Deputación de Ourense e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga. •






