A Xunta crea a maior plataforma do talento profesional feminino de Galicia con motivo do 8M: «PRESENTES»

Rueda defende que a iniciativa permitirá ampliar a presenza de profesionais en todos os ámbitos, mentres reivindica as políticas públicas de igualdade

O acto institucional do Día Internacional das Mulleres reuniu o 7 de marzo na Coruña representantes institucionais, entidades sociais e numerosas profesionais nun evento no que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a posta en marcha da plataforma Presentes. A iniciativa, impulsada pola Consellería de Política Social e Igualdade, foi presentada como unha ferramenta destinada a aumentar a visibilidade das mulleres nos espazos públicos e favorecer a súa participación en debates, actos e proxectos profesionais. Durante a súa intervención, Rueda subliñou que o obxectivo é “darlles visibilidade a expertas de todas as áreas para que protagonicen o espazo público”, e agradeceu ás primeiras 2.000 inscritas “por dar ese paso adiante e estar presentes”.
No acto destacouse tamén que máis de 100 entidades colaboraron na identificación de perfís profesionais, permitindo crear unha base inicial ampla e diversa. O presidente chamou a seguir avanzando no compromiso coa igualdade e lembrou que o orzamento destinado a políticas de igualdade en 2026 ascende a 29 millóns de euros, cunha aposta centrada no Plan Corresponsables, no programa Emega de emprendemento feminino e na elaboración da primeira Estratexia Galega de Emprego Feminino en Sectores Masculinizados. Ademais, instou a manter a igualdade como principio transversal nas políticas públicas e a combater con firmeza a violencia de xénero ao longo de todo o ano. O acto institucional incluíu, ademais, a presentación das protagonistas da campaña do 8M, mulleres referentes de sectores como o audiovisual, a industria, a automoción, o ámbito tecnolóxico ou o forestal.

PRESENTES, A MAIOR PLATAFORMA DE PROFESIONAIS GALEGAS
Presentes xorde tras constatar que, malia os avances das últimas décadas, persiste a infrarrepresentación feminina nos espazos de decisión, nos paneis de expertas e nas áreas STEM, non sempre por falta de talento, senón pola dificultade de localización e pola escasa visibilidade das especialistas. Presentes pretende superar ese obstáculo ofrecendo un directorio aberto de consulta que permita a organizadores de xornadas, medios de comunicación, entidades e institucións contactar directamente con profesionais de múltiples sectores.

As protagonistas da campaña foron: Emma Lustres, fundadora de VACA FILMS, María Montalvo, vicepresidenta de Freire Hermanos, Carlota Pereiro, artista e deseñadora para o Museo Thyssen, Alba Meijide, responsable de IA en Telefónica (zona Norte), María Saco, bombeira forestal e emprendedora do proxectoforestal Xestanatur e Ana Paúl, directora de innovación no CTAG (Centro de Automoción de Galicia).


A plataforma, accesible a través de presentes.gal, está deseñada para localizar perfís segundo profesión, área de coñecemento ou traxectoria, favorecendo que as mulleres interveñan como expertas nos seus ámbitos e non só en debates ligados á igualdade. Incorpora ferramentas prácticas para organizar eventos desde unha perspectiva de xénero, incluíndo unha guía para promover paneis equilibrados e espacios máis igualitarios antes, durante e despois da súa celebración. Presentes é tamén unha comunidade, ao permitir que profesionais e entidades propoñan novos perfís, ampliando as redes e reforzando o apoio mutuo entre mulleres con traxectorias consolidadas ou emerxentes.
Segundo explicou a Consellería, a plataforma seguirá medrando nos vindeiros meses e aspira a converterse nun recurso estable para facilitar a participación feminina en foros, publicacións e iniciativas profesionais. A súa creación busca, en última instancia, contribuír á igualdade de oportunidades, ofrecer referentes ás xeracións máis novas e fortalecer o ecosistema profesional galego cun enfoque máis inclusivo e representativo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Concello anuncia una amplia programación de actividades para a XXIII Festa da Xuventude

Seguinte Nova

Entrevista a Quique González

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir aInicio

Don't Miss