Chantada acolle unha mostra de maquetas modernistas inspiradas na obra de Rodolfo Ucha

Carlos Macías exhibe ata o 26 de marzo unha colección elaborada con materiais reciclados que recrea edificios emblemáticos da arquitectura ferrolá

A maioría dos traballos a exposición de Carlos Macías están feitos con produtos reciclados e ferramentas que calquera persoa pode ter en casa. Foto GPCC.

A Casa da Cultura de Chantada acolle desde o 3 ata o 26 de marzo a exposición Maquetas Modernistas, unha mostra que reúne o traballo artesanal de Carlos Macías, creador ferrolán que dedica boa parte do seu tempo á reprodución de edificios e elementos arquitectónicos vinculados ao patrimonio modernista da súa cidade natal. A iniciativa chega ao municipio da Ribeira Sacra como parte da programación cultural de primavera e ofrece ao público a oportunidade de achegarse a unha obra que combina memoria, precisión e creatividade.
Macías, nado en Ferrol en 1949 e cunha longa traxectoria profesional ligada á construción naval, iniciou esta actividade tras a súa xubilación. Segundo explica, foi entón cando comezou a transformar o tempo libre en pequenas pezas que reproducen edificacións características da costa ferrolá, con especial atención ao legado do arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro, figura clave do modernismo galego. Ademais dos inmobles máis representativos dese estilo, o autor recreou tamén faros, ermidas, dornas e outros elementos vinculados á paisaxe mariñeira.
Un dos aspectos máis destacados da exposición é o uso de materiais reciclados. A maior parte das maquetas están elaboradas con produtos de desfeito e ferramentas domésticas, o que, segundo o propio creador, permite que “a creatividade teña un papel fundamental no proceso”. As pezas reproducen tanto edificios que continúan formando parte da vida diaria de Ferrol como outros que desapareceron e só permanecen na memoria colectiva. O resultado é unha colección que combina valor artístico e interese documental.
As obras de Macías teñen percorrido en diferentes eventos e espazos culturais. A súa colección foi exhibida en citas como a Feira do Modernismo de Barcelona, a de León ou a Feira de Turismo de Silleda. Ademais, elaborou maquetas específicas para a exposición Ferrol Vello, o barrio do que todos somos veciños e cedeu pezas para mostras organizadas por entidades como as Oficinas de Turismo de Ferrol ou o Ateneo Ferrolán. A chegada da mostra a Chantada supón unha nova oportunidade para difundir este traballo fóra da súa contorna habitual.
O autor afirma sentirse especialmente agradecido pola acollida da exposición no municipio. En palabras súas, “séntese emocionado de poder compartir estas pequenas creacións, que brotan do seu corazón a través das súas mans”. A mostra pode visitarse en horario de mañá e tarde de luns a venres, entre as 10:00 e as 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Ademáis, a exposición permanecerá aberta de 10:00 a 14:00 horas para facilitar o acceso ao percorrido pola obra de Carlos Macías as persoas que non poidan acudir en días laborables.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Un mozo de Bóveda destaca na elite galega da colombicultura

Seguinte Nova

O Concello anuncia una amplia programación de actividades para a XXIII Festa da Xuventude

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss