
A nova edición da Festa da Xuventude celebrarase o vindeiro 8 de maio en Chantada, nunha xornada cunha amplia programación que combinará música en directo e actividades de lecer pensadas para o público mozo, aínda que abertas ao conxunto da veciñanza. A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Xuventude, busca consolidarse como unha proposta estable que contribúa a animar o ambiente das rúas da vila durante a primavera e a ofrecer alternativas de ocio nocturno nun ambiente seguro.
A concelleira Belén Vázquez Caseiro sinala que a continuidade do programa responde á boa acollida das edicións anteriores. “Seguimos con esta proposta no mes de maio, despois de celebrar a primeira edición en abril. Maio ofrécenos días máis longos e previsiblemente unha climatoloxía mellor para celebrar estes concertos no exterior”.
A programación arrancará ás 20:30 horas coa charanga Mekanika Rolling Band, que percorrerá diferentes rúas ata as 23:00. A partir desa hora, e na contorna do Pavillón Municipal, actuará a orquestra Fórmula, que regresará ao escenario entre as 04:00 e as 05:00. Pola súa banda, a orquestra Panorama ofrecerá o seu espectáculo na rúa Xoán XXIII entre a 01:00 e as 04:00.
Co obxectivo de facilitar os desprazamentos, o Concello volverá habilitar o servizo de Noite Bus, con catro rutas procedentes de distintos puntos da comarca e chegada prevista á vila en horarios escalonados. Os autobuses realizarán a viaxe de regreso ás 05:00 horas.•





