Concertos, presentacións de libros, probas deportivas, catas, maridaxes e xornadas técnicas, son parte das actividades previas á celebración desta festa, declarada como Festa de Interese Turístico Galego

O Concello de Sober deu a coñecer o cartel que anunciará a XLVI Feira do Viño de Amandi, unha das citas máis destacadas da Ribeira Sacra. A proposta elixida leva por título Amandi. Un viño de cine e é obra da deseñadora Marta Luisa Silvarrey, natural de Begonte. A presentación tivo lugar no miradoiro de Xabrega, escenario escollido tamén para adiantar as principais liñas da programación do Mes do Amandi, que se desenvolverá ao longo de marzo con actividades culturais, deportivas e divulgativas.
A Feira do Viño celebrarase os días 27, 28 e 29 de marzo, e contará co Concello de Ribas de Sil como convidado de honra. Desde o goberno local destacan que esta edición busca reforzar a proxección exterior dos viños de Amandi e manter o equilibrio entre tradición e dinamización turística. O cartel premiado foi seleccionado entre vinte propostas procedentes de distintos puntos do Estado, nun concurso que continúa a consolidarse como plataforma para novos talentos do deseño gráfico.
O Mes do Amandi inclúe unha programación de ocio que abarca dende presentacións literarias, concertos, encontros gastronómicos ata actividades de carácter técnico vinculadas directamente ao sector vitivinícola. Entre as propostas máis destacadas figuran un concerto do grupo Solo Voces, varias sesións de divulgación na Escola de Hostalería de Rosende e diferentes actos organizados por colectivos culturais da zona. Tamén se programan rutas guiadas, proxeccións de cine con música en directo e iniciativas destinadas ao público infantil, como as Merendas con Contos, que este venres visitarán viñedos da subzona.
A programación completarase coas exposicións de carteis participantes no concurso e coas catas oficiais que determinarán os viños premiados da nova anada. O Concello subliña que o obxectivo é ofrecer un mes completo de actividades que sirvan de antesala á Feira e contribúan a poñer en valor o traballo das adegas e viticultores da comarca.•





