O Ministerio inicia a renovación dun dos tramos máis deteriorados da N‑120

A actuación, cun investimento superior aos 3,2 millóns de euros, busca recuperar a seguridade viaria da estrada que pasa polo concello de Quiroga tras meses de forte deterioro

Os traballos céntranse no fresado do pavimento deteriorado e na posterior reposición do firme. Foto RTMQ.

As obras de mellora da estrada N‑120 ao seu paso polo municipio de Quiroga avanzan nos tramos que presentaban un maior desgaste, despois de que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible activase unha intervención destinada a renovar o firme e recuperar condicións adecuadas de circulación. A actuación, cun investimento que supera os 3,2 millóns de euros, forma parte do plan estatal de modernización da rede viaria, que prioriza os puntos máis afectados polo uso intensivo e polas condicións meteorolóxicas adversas dos últimos meses.
Na zona traballan máis de vinte operarios e varios camións de apoio, co obxectivo de acelerar os labores e minimizar as molestias para os condutores que empregan diariamente esta vía, considerada estratéxica para a mobilidade da comarca. Os traballos céntranse no fresado do pavimento deteriorado e na posterior reposición do firme, unha actuación que permitirá mellorar a adherencia, reducir riscos e incrementar a seguridade nunha estrada que acumulaba numerosas queixas veciñais.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, explicou que os traballos comezaron “tan pronto como o permitiron as condicións meteorolóxicas”, lembrando que o inverno estivo marcado por case tres meses consecutivos de borrascas que dificultaron calquera intervención de conservación. López recoñeceu o malestar expresado polos usuarios habituais da N‑120 e subliñou que a actuación pretende dar resposta ás demandas trasladadas ao Ministerio.
O Concello de Quiroga tamén reclamara recentemente unha intervención urxente. En febreiro, a Xunta de Goberno Municipal acordou solicitar explicacións ao Ministerio sobre o estado da estrada e pedir información detallada sobre o calendario previsto para a súa reparación. A petición, ratificada por unanimidade en pleno, incluía a demanda dunha mellora integral do tramo que discorre polo municipio, ao considerar que o deterioro da vía estaba a afectar tanto á mobilidade como á actividade económica local.
Co inicio das obras, o Concello agarda que a situación mellore de maneira progresiva nas próximas semanas, á medida que avance a renovación do firme e se restablezan condicións óptimas de circulación nunha das principais arterias viarias da comarca.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Quiroga activa un dispositivo de seguridade para a Mostra do Aceite e a Feira do Viño

Seguinte Nova

Pantón beneficiarase do incremento da achega autonómica ao Servizo de Axuda no Fogar

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss