Quiroga activa un dispositivo de seguridade para a Mostra do Aceite e a Feira do Viño

A Xunta Local de Seguridade analiza o operativo para garantir un desenvolvemento seguro das dúas citas máis multitudinarias do municipio. Foto GPSGL.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu a Xunta Local de Seguridade de Quiroga coa finalidade de coordinar o dispositivo que se porá en marcha con motivo da XXVI Mostra do Aceite e da XLIV Feira do Viño, dúas celebracións que cada ano atraen a numerosos visitantes ao municipio. Na reunión participaron representantes da Garda Civil, da Policía Local e do Concello, que revisaron os detalles do operativo previsto para garantir o correcto desenvolvemento das actividades programadas ao longo da fin de semana festiva.
Durante o encontro analizáronse as medidas destinadas a reforzar a coordinación entre os distintos corpos de seguridade, prestando especial atención á prevención de incidentes, á protección das persoas asistentes e ao control da mobilidade nas zonas de maior afluencia. A subdelegada destacou que estas xuntas permiten “anticiparse ás necesidades de seguridade dos eventos do municipio e garantir que veciñanza e visitantes poidan gozar das celebracións con tranquilidade”.
Ademais da planificación específica para a Mostra do Aceite e a Feira do Viño, a Xunta Local abordou a situación xeral da seguridade cidadá en Quiroga, valorando positivamente a colaboración existente entre as administracións e os corpos policiais. Segundo se expuxo, esta coordinación resulta esencial para manter uns niveis adecuados de prevención e resposta ante posibles incidencias.
Outro dos puntos tratados foi o desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, que inclúe a realización de charlas impartidas pola Garda Civil no CEIP e no IES de Quiroga. Estas sesións céntranse na prevención de riscos entre a mocidade, así como na promoción dunha convivencia segura tanto no ámbito escolar como no dixital, incidindo en cuestións como o uso responsable das redes sociais, o acoso e a protección fronte a condutas de risco.
A subdelegada subliñou que o obxectivo é manter un dispositivo que permita celebrar ambas citas con normalidade, reforzando a presenza policial e garantindo unha resposta rápida ante calquera eventualidade.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Carreira da Muller reuniu público de todas as idades e sumou a favor da igualdade

Seguinte Nova

O Ministerio inicia a renovación dun dos tramos máis deteriorados da N‑120

Últimas noticias sobre SERVIZOS

Ir aInicio

Don't Miss