Adegas, catas e música en directo darán forma a tres xornadas arredor do viño na Ribeira Sacra

A XLVI Feira do Viño de Amandi desenvolverase en Sober entre o venres 27 e o domingo 29 de marzo cun programa que reúne música, actos institucionais e actividades vinculadas ao sector vitivinícola. A programación abrirase o venres ás 19:30 horas coa inauguración oficial, que nesta edición estará a cargo da adega Petrón, de Doade, nun acto dedicado á memoria de Epifanio Campo. A primeira noite continuará ás 21:30 coa actuación de Festicultores Troupe, mentres que ás 23:30 será a quenda de Monoulious Dop, encargado de pechar a xornada cun concerto de carácter festivo.
O sábado 28 comezará ás 11:00 coa apertura dos stands, que darán paso ás actuacións matinais. Ás 11:30 intervirá un grupo de música tradicional incluído no programa Tradigalu da Deputación de Lugo, e ás 12:30 será a Banda de Música de Sober quen tome o relevo. Pola tarde, ás 17:00, iniciarase a Precata Oficial, un dos momentos máis destacados para as adegas participantes. A animación continuará ás 18:30 coa charanga Bandiños Band e ás 20:00 co grupo Louband. A noite contará coa presenza da orquestra Bravú Xangai ás 22:00, mentres que ás 23:30 actuará Gin Toni’s, completando unha xornada de intensa actividade musical.
O domingo 29 abrirase ás 10:45 coa charanga NBA, que regresará pola tarde. Ás 11:00 terá lugar un pasarrúas a cargo da Banda de Música de Sober, seguido ás 11:30 pola Cata Final Oficial, que coincidirá coa misa solemne e bendición de ramos na igrexa de Sober. Ás 12:00 está prevista a animación dunha selección de tunas de Madrid, mentres que ás 12:30 se celebrará a recepción de autoridades na Casa do Concello. O pregón, que nesta edición pronunciará o chef con estrela Michelin Rafa Centeno, terá lugar ás 13:00. A entrega de premios desenvolverase ás 13:30, recoñecendo o labor das adegas participantes. A feira despedirase ás 19:30 cun baile protagonizado pola orquestra Tania Veiras e Os Cumbia Pop, que porán o punto final a Feira do Viño de Amandi.•





