A Feira Medieval despregará dous días de espectáculos, mercado e recreación histórica

O desfile de traxes e o mercado temático da pasada fin de semana marcaron o inicio da conta atrás para a cita dos días 4 e 5 de abril

Monforte afronta a recta final cara á celebración da súa Feira Medieval, que terá lugar os días 4 e 5 de abril cunha programación que ocupará diferentes puntos do centro histórico e que combina recreación, animación e actividade comercial. O programa foi dado a coñecer esta fin de semana coincidindo coa celebración do Mercado para a Medieval, que serviu de antesala ao evento.
A Praza de Abastos acolleu durante dous días esta proposta previa, na que participaron unha ducia de postos con produtos vinculados á estética e ambientación medieval. Entre eles figuraban traxes, complementos, artigos de artesanía, servizos de peiteado e maquillaxe ou propostas gastronómicas. O espazo completouse cunha zona dedicada á decoración de establecementos hostaleiros.
Un dos momentos máis concorridos do programa previo foi o desfile de traxes medievais, celebrado na tarde do sábado no exterior do recinto, no que participaron modelos de diferentes idades. A actividade permitiu amosar distintas opcións de caracterización de cara á feira, nun acto que rexistrou unha elevada asistencia de público.
Tamén se desenvolveu o concurso de repostería “A polo mellor doce”, no que as persoas visitantes puideron votar polas elaboracións presentadas en varias categorías. A entrega de premios celebrouse o domingo, xunto cun sorteo entre as persoas participantes.
No que respecta á Feira Medieval, o programa estrutúrase en varios espazos do casco histórico. A Praza de España converterase no eixo central coa instalación do campamento medieval e coa celebración de espectáculos como o acto inaugural, que incluirá efectos de lume e acrobacias, así como desfiles temáticos e actuacións musicais ao longo das dúas xornadas.
Outro dos elementos destacados será o desfile do gran dragón, que percorrerá as rúas acompañado de música en directo. Ademais, a programación inclúe pasarrúas con personaxes e ambientación medieval, así como concertos e propostas de animación nocturna.
O Campo da Terra dos Escolapios acollerá as xustas medievais, con exhibicións ecuestres e combates, mentres que na Praza de San Antonio haberá exposición de aves de rapina e o espectáculo final con lume e danza. Pola súa parte, a Praza das Clarisas estará dedicada a actividades infantís e o adro da Régoa ofrecerá prácticas de tiro con arco e espazos gastronómicos.
O mercado contará con máis de 140 postos distribuídos polo conxunto histórico, con presenza de artesanía, alimentación e comercio temático. A programación completarase coa convocatoria de concursos de traxes e decoración, así como coa ambientación de rúas e fachadas para recrear o contexto medieval durante a fin de semana.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Monforte inicia o camiño para redactar o novo PXOM

Seguinte Nova

Monforte acollerá o campus ‘The Basket Dream’ Breogán

Últimas noticias sobre PORTADA

Entrevista a Pili Chaos

Fotógrafa e curiosa por natureza, Pili Chaos inaugura o vindeiro 1 de abril a súa exposición «Emoción en clave», que aborda a
Ir aInicio

Don't Miss