
A Deputación presentou a tempada 2026 das rutas fluviais pola Ribeira Sacra cun acto celebrado no embarcadoiro da Ponte do Sil, no que participaron a Presidenta Carmela López e representantes institucionais da provincia. A primeira saída simbolizou o inicio dunha campaña que chega cunha resposta moi positiva por parte do público, con preto de mil reservas xa formalizadas para Semana Santa e arredor de 14.000 para o conxunto da programación, que se estenderá ata a ponte de decembro.
Durante a presentación, López destacou que “ano tras ano esta oferta turística, que inclúe viaxes polo Sil e o Miño, alcanza cifras de éxito”, lembrando que na tempada anterior se achegaron case 60.000 persoas. A Presidenta fixo fincapé no crecemento do turismo internacional, pois “arredor dun 30% dos viaxeiros foron estranxeiros”, e subliñou que estas travesías permiten “desfrutar dun enclave único, admirar os seus canóns e percorrer algunhas das paisaxes máis impresionantes da provincia”.
A responsable provincial incidiu tamén no impacto económico que xeran estas actividades, asegurando que funcionan como “un importante revulsivo para a zona e para o conxunto da provincia”, ao favorecer pernoctas e consumo nos sectores hostaleiro, turístico e comercial. Enmarcou esta programación no modelo de turismo polo que aposta a institución, “de calidade, sostible e dirixido a todo tipo de públicos”, e lembrou iniciativas complementarias como Coñece a túa provincia, que nesta edición ofrece máis de 3.000 prazas para entidades sen ánimo de lucro.
A campaña mantén os dous itinerarios habituais: o percorrido polo Canón do Sil, con saída desde Monforte, e o traxecto polo Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo. As reservas poden formalizarse a través da plataforma reservas.rutasembalses.es. O servizo funcionará con diferentes frecuencias segundo o mes, con máis viaxes durante a tempada alta e unha programación que se prolongará ata o 8 de decembro, data prevista para o seu peche anual. As embarcacións Mencía, Canón do Sil e Pelegrín serán as encargadas de cubrir as rutas.•





