
A nadadora monfortina Andrea Gudín, do Club Natación Monforte, acadou unha destacada actuación no Campionato de España júnior de natación, celebrado en Sabadell entre os días 11 e 15 de marzo, ao conseguir a medalla de prata nos 100 metros braza e o bronce na proba de 50 metros desta especialidade.
BOAS MARCAS NAS PROBAS DE 50 E 100M BRAZA
Na final dos 100 metros braza, Gudín marcou un tempo de 1:13.14, quedando a só catorce centésimas do ouro, que foi para Noa Priego, do CN Tàrrega, cun rexistro de 1:13.00 . Pola súa banda, nos 50 metros braza, a nadadora fixo 33.50, logrando a terceira posición nunha final moi igualada, na que Priego (32.66) e Paula Medina, do CN Las Norias (33.35), completaron o podio .
CATRO MEDALLAS DE OURO NOS CAMPIONATOS GALEGOS
Estes resultados chegan tras unha tempada na que a deportista xa viña destacando con claridade no ámbito autonómico. No Campionato Galego júnior de inverno, celebrado en Ourense, conseguiu catro medallas de ouro nas probas de 50, 100 e 200 braza, así como en 400 estilos, mellorando ademais varias marcas persoais .
A súa progresión vén sendo constante desde categorías inferiores, nas que xa lograra medallas en campionatos de España e participacións coa selección galega. Gudín iniciou a súa traxectoria no club con apenas seis anos e mantén na actualidade unha rutina de adestramento intensiva, con sesións diarias de piscina e traballo complementario en seco, da man do seu entrenador habitual, David Argiz, quen acompañou á nadadora a Sabadell.
Este rendemento inscríbese tamén no traballo desenvolvido polo C. N. Monforte, que continúa formando deportistas e mantendo presenza en competicións autonómicas e estatais, mesmo en contextos de dificultade polas obras nas instalacións municipais.
Gudín consolídase como unha das referencias galegas na especialidade de braza.•





