O Concello presenta a nova folla de ruta 2026–2030 e impulsa as actividades adicadas á sensibilización en materia de igualdade de xénero

O Concello de Chantada continúa este mes de marzo cunha ampla programación vinculada ao 8M, Día Internacional da Muller, na que destacou o acto celebrado o venres 13 na Casa da Cultura. Nesa xornada tivo lugar a presentación oficial do IV Plan de Igualdade e contra a Violencia de Xénero 2026–2030, un documento que orientará as políticas municipais nos próximos anos e que, segundo a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, supón un compromiso firme para avanzar en dereitos e garantir unha mellor calidade de vida para toda a veciñanza. A responsable municipal explicou que o plan pretende servir como marco estable para previr violencias machistas, promover a corresponsabilidade e construír un concello máis equitativo.
A concelleira detallou que o documento nace tras unha análise da realidade local e da avaliación do plan anterior, incorporando a igualdade como principio transversal en todas as áreas. Fernández subliñou que “planificamos con base en datos reais e na experiencia acumulada. Desde aí fixamos obxectivos estratéxicos e medidas concretas para consolidar a igualdade como eixo vertebrador das políticas municipais, desde a organización interna do Concello ata a vida social e comunitaria de Chantada”. O novo plan estrutúrase en seis áreas estratéxicas que inclúen obxectivos relacionados coa gobernanza, a prevención da violencia, a educación, o emprego, a saúde e a participación cultural e deportiva.
Entre as metas principais destacan o impulso da educación en igualdade desde a escola, o reforzo dos recursos destinados á atención e coordinación fronte á violencia de xénero, a promoción dunha organización social máis corresponsable, o apoio ao acceso das mulleres ao emprego e á formación, así como a integración da perspectiva de xénero na xestión municipal. O documento recolle tamén medidas para fomentar o liderado feminino, combater estereotipos e garantir unha participación equilibrada en todos os ámbitos da vida comunitaria.
Para asegurar o seguimento do plan, crearase unha Comisión de Igualdade formada por persoal municipal de distintas áreas, que avaliará periodicamente o grao de cumprimento das medidas previstas. Fernández lembrou que a igualdade require a implicación de toda a sociedade, e afirmou o progreso que o plan conlevará. A programación do 8M continúa ao longo do mes cos obradoiros de educación afectivo‑sexual nos centros de secundaria da vila. Ademais, o sábado 28 de marzo o Auditorio Municipal acollerá a proxección do filme La mitad de Ana, centrado na identidade de xénero, ás 19:00 horas e con entrada libre para todas as persoas interesadas.•





