Entrevista a Pili Chaos

Fotógrafa e curiosa por natureza, Pili Chaos inaugura o vindeiro 1 de abril a súa exposición «Emoción en clave», que aborda a relación entre a música e as emocións

A nova exposición de Pili Chaos, «Emoción en clave», constitúe unha experiencia sensorial que reflexiona sobre o vínculo entre a música e a emoción. Foto: Lina

A emoción presenta diferentes manifestacións, supeditadas a variables contextuais e persoais. Non obstante, a súa infinita maleabilidade está presidida por un imperativo categórico que fai converxer todas as súas materializacións: a espontaneidade. As emocións non son deliberadas, aparecen de súpeto e sen previo aviso, e no seu comportamento imprevisible habita esa identidade indómita que, posteriormente, transforma unha fotografía, un escrito ou unha nota musical en arte. Un exemplo moi oportuno para refrendar esta visión radica no traballo dunha das fotógrafas máis populares de Monforte, Pili Chaos. A fotógrafa, afeccionada do instante decisivo, convídanos a descubrir a súa mirada fotográfica súa exposición “Emoción en clave”, que se inaugura o vindeiro 1 de abril no Centro do Viño da Ribeira Sacra. A través de 18 imaxes cargadas de sensibilidade, a autora captura instantes únicos nos que intérpretes profesionais e músicos da rúa que deixan entrever de forma explícita a emoción que transita por cada melodía que tocan. Un dos alicientes deste proxecta é o seu carácter multimedia, pois cada fotografía contará cunha prolongación musical que sumerxirá ao espectador nunha experiencia sensorial. Ademáis, a inauguración contará coa actuación da violinista Luije Prieto. Na seguinte entrevista, faremos un percorrido pola traxectoria de Pili Chaos, dende as oríxenes da súa paixón pola cámara e profundizando na construción, aínda activa, da súa mirada fotográfica, en constante evolución grazas á curiosidade insaciábel que alimenta o seu imaxinario visual.

P: ¿Quen é Pili Chaos? ¿Como definirías a túa faceta como fotógrafa?
R: Imos ver, Pili Chaos é unha persoa curiosa, unha persoa que se sorprende con todo e que reflicte esa curiosidade coa fotografía. Eu podo sentirme engaiolada polo voo dunha bolboreta e querer capturar ese momento, ou cando vexo unha actuación musical, ao mesmo tempo estou bailando e capturando as emocións que esperta.

P: ¿Como te iniciaches no mundo da fotografía? ¿É algo vocacional ou foi un descubrimento accidental?
R: Esta afección adquirina grazas á miña filla. Resulta que quixen capturar os momentos da súa infancia, polo que comecei a gravar vídeos, e despois ocorréuseme empezar a facer curtametraxes. Non obstante, aí vin as miñas carencias fotográficas á hora de seleccionar os planos ou capturar a luz, e a partir de entón comecei a facer cursos de fotografía para ir evolucionando.

P: ¿Tes algún referente en particular que che servise de inspiración á hora de atopar o teu propio estilo?
R: Fixen varios cursos con fotógrafas como Carmen Hache ou Estela de Castro, e tamén cun fotógrafo moi coñecido aquí en Monforte, Jesús Montero. Por outra banda, pertenzo a unha asociación coruñesa chamada Foto Acción Coruña, e estes rapaces organizan moitísimos cursos relacionados coa iluminación, o retrato, a macrofotografía… Ademais, traen fotógrafos profesionais para outro tipo de actividades, como obradoiros fotográficos.

P: “Emoción en clave” é unha exposición que desgrana visualmente a relación entre a música e a emoción humana. ¿Por que decidiches embarcarte nesta temática? ¿Interesábache o estudo psicolóxico derivado de captar a espontaneidade dos músicos tocando?
R: Esta exposición é unha viaxe a través da música e as emocións, é visual e sonora. Á parte das emocións concentradas nas fotografías, nos títulos aparece un código QR que reproduce unha canción relacionada coa emoción que transmite a imaxe, é dicir, a xente non só vai ver a emoción, vainaa sentir. É un proxecto multimedia, unha experiencia sensorial que compila diferentes emocións como a nostalxia, a melancolía ou a euforia, recollidas en cada fotografía coa prolongación da música. Unha das fotografías está protagonizada por unha nena que é sobriña dun cantante de orquestra, e a escena móstranos a admiración coa que esa nena mira ao seu tío cantando. Tamén aparecerán músicos profesionais e músicos de rúa, suxeitos que lle achegan unha dimensión social á exposición. Dá igual o escenario no que se produza a fotografía, esa emoción e esa paixón é a mesma, a música é unha linguaxe universal.

P: ¿A fotografía capta a realidade ou unha interpretación subxectiva do fotógrafo?
R: A fotografía capta a realidade subxectiva do fotógrafo, cada imaxe móstranos as nosas propias experiencias. A miña mirada non é a túa mirada, nin a mirada da persoa que está ao meu lado, eu teño unha maneira de ver e de pensar e os demais teñen outra. Ocorre o mesmo cando hai un accidente, cada persoa ten unha interpretación diferente do que pasou, e iso mesmo sucede na fotografía.

P: ¿Como foi o proceso para atopar a túa mirada fotográfica?
R: Eu sigo buscándoa (risas). Gústame moitísimos estilos fotográficos, e cada vez coñeces máis fotógrafos que che achegan cousas diferentes. Ademais, como imos cambiando coas nosas ideas, no meu caso, non teño un estilo definido. ¿Que tipo de fotografía me gusta? A fotografía de rúa, o pictorialismo… Non é que estea especialmente definida. Aínda que haxa estilos fotográficos que non comprenda, tamén sinto curiosidade por eles.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Galicia consolida a recollida separada de biorresiduos coa implicación de máis de 290 concellos

Seguinte Nova

Monforte impulsará unha rede de caniles

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss