O incremento da materia orgánica tratada e o apoio económico da Xunta impulsan o avance cara a un modelo de economía circular

Fotos GPXG.

Galicia continúa a dar pasos firmes na implantación da recollida separada de biorresiduos, un elemento clave para mellorar as taxas de reciclaxe e reducir a cantidade de residuos que rematan en vertedoiros. A materia orgánica supón arredor do 40 % do peso do lixo doméstico, polo que a súa correcta separación resulta determinante para avanzar cara a unha xestión máis eficiente.
Na actualidade, un total de 295 concellos galegos contan xa con sistemas específicos para a recollida da fracción orgánica, ben a través do coñecido contedor marrón, mediante servizos porta a porta ou a través de iniciativas de compostaxe doméstica e comunitaria. Esta extensión responde ás directrices recollidas no Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia, que fixa como prioridade incrementar a separación en orixe para reducir o volume de residuos eliminados.
A posta en marcha destes sistemas require importantes investimentos por parte das entidades locais, tanto en infraestruturas como en campañas de sensibilización cidadá. Neste contexto, a Xunta vén desenvolvendo unha liña continuada de apoio económico aos concellos. Entre os anos 2018 e 2025 destináronse máis de 37,6 millóns de euros a mellorar a recollida selectiva e modernizar os servizos municipais.
Dentro deste esforzo, a fracción orgánica concentra unha parte destacada dos recursos, con máis de 22 millóns de euros mobilizados para proxectos vinculados á súa recollida e tratamento. As axudas permitiron, entre outras actuacións, a implantación de novos contedores, a adquisición de vehículos específicos, a posta en marcha de programas de compostaxe e a mellora de instalacións como os puntos limpos.
De cara ao ano 2026, a Administración autonómica reforzará esta estratexia cunha nova convocatoria dotada con máis de 5,1 millóns de euros, na que se manterá o foco na xestión da materia orgánica.
SOGAMA E OS PROGRAMAS DE AUTOCOMPOSTAXE
Xunto á extensión do contedor marrón, Galicia aposta tamén por modelos complementarios adaptados ao medio rural. Así, 232 concellos participan en programas de autocompostaxe promovidos por Sogama, nos que colaboran centros educativos e colectivos sociais. No marco destas iniciativas distribuíronse máis de 23.000 composteiros, facilitando o tratamento da materia orgánica no propio lugar de xeración. Os efectos destas políticas comezan a reflectirse nos datos. No último ano, a cantidade de residuos orgánicos depositados no contedor marrón incrementouse nun 282 %, superando as 3.000 toneladas enviadas a plantas de tratamento. Este aumento evidencia unha maior implicación cidadá na separación correcta dos residuos.
Só no último ano, a cantidade de materia orgánica depositada no colector marrón medrou un 282 %, acadando máis de 3.000 toneladas entregadas nas plantas de tratamento de biorresiduos
O impulso da recollida de biorresiduos resulta fundamental para cumprir cos obxectivos marcados pola Unión Europea en materia de reciclaxe e redución do vertido. A través destes sistemas, os residuos orgánicos poden transformarse en compost útil para a agricultura ou a xardinaría, contribuíndo ao peche do ciclo dos materiais dentro da economía circular.
Desde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático sublíñase a necesidade de manter a colaboración entre administracións, tecido produtivo e cidadanía para consolidar estes avances e seguir mellorando os resultados.•





