Lugo recupera protagonismo nas conexións ferroviarias coa nova reorganización de horarios

O novo Alvia madrugador permitirá viaxes de ida e volta a Madrid no día e reforza as paradas en puntos clave como Sarria e Monforte de Lemos

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, xunto ao presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, na presentación das novas frecuencias dos servizos ferroviarios coa Meseta. Foto GPSGL.

Lugo contará a partir do 20 de maio cunha mellora nas conexións ferroviarias coa Meseta grazas á reorganización dos horarios impulsada por Renfe, que permitirá por primeira vez realizar viaxes de ida e volta no mesmo día con Madrid. O anuncio realizouse no Concello lucense nun acto no que participaron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, e o alcalde, Miguel Fernández.

ADIANTO DO HORARIO DO ALVIA LUGO-MADRID
A principal novidade será o adianto do horario do tren Alvia Lugo-Madrid, que pasará a saír ás 5:18 horas, fronte ás 11:15 actuais. Este cambio permitirá chegar á capital ás 10:13, facilitando desprazamentos por motivos laborais, administrativos ou persoais sen necesidade de pernoctar.
O novo horario inclúe paradas en Sarria, ás 5:44 horas, Monforte de Lemos, ás 6:10, Ourense, ás 6:52, e A Gudiña, ás 7:44, recuperando nesta última estación un servizo demandado pola comarca do sueste ourensán. No caso de Monforte, esta frecuencia reforza o papel da cidade como punto estratéxico na conexión ferroviaria interior de Galicia, ao facilitar desprazamentos máis áxiles cara á capital do Estado.
Durante a presentación, Pedro Blanco destacou que a reorganización responde ás necesidades detectadas no territorio e afirmou que “o Goberno de España demostra que traballa pensando no mellor para Lugo, para Ourense e para Galicia”. O delegado subliñou que esta medida atende unha demanda histórica da cidade, orientada a facilitar unha mobilidade máis adaptada á vida diaria.
Pola súa banda, o presidente de Renfe explicou que os cambios forman parte dunha revisión global da oferta ferroviaria no corredor Galicia-Madrid, co obxectivo de optimizar os servizos en función da demanda. Neste sentido, indicou que tamén se introducirán axustes noutras conexións de alta velocidade.
Así, o AVE que parte de Vigo a primeira hora adiantará a súa saída ás 5:50 e incorporará parada en Santiago de Compostela. Nos servizos de regreso, o tren Madrid-Vigo sairá ás 8:25, mentres que o Avlo cara á Coruña partirá ás 6:55, mantendo as súas paradas habituais e permitindo chegar a primeira hora a estacións intermedias como Zamora, Sanabria AV ou A Gudiña.
Ademais, o servizo de tarde Madrid-Vigo tamén modificará o seu horario, adiantando a saída ás 15:32. O conxunto destas medidas pretende reforzar a mobilidade matinal e mellorar a distribución de frecuencias ao longo do día.
O acto contou tamén coa presenza da subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, e serviu para destacar a colaboración institucional na mellora das infraestruturas. Pedro Blanco puxo en valor o traballo do alcalde lucense e sinalou que a coordinación entre administracións resulta clave para avanzar en proxectos vinculados ao transporte.
Ao longo da xornada, os responsables institucionais desprazáronse tamén ao concello da Gudiña para informar sobre a recuperación da parada ferroviaria, considerada relevante para o conxunto do territorio oriental de Ourense.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Yolanda Castaño achega a poesía ao alumnado do IES Lama das Quendas

Seguinte Nova

O PP denuncia a falta de prazos para a electrificación da liña entre Lugo e Monforte

Últimas noticias sobre SERVIZOS

Ir aInicio

Don't Miss