Distribuida en catro zonas da cidade, o Concello prevé iniciar este ano a primeira instalación en Covas-Pinguela cun investimento global de arredor de 600.000 euros

O Concello de Monforte porá en marcha unha rede de catro caniles repartidos por distintos puntos da cidade coa intención de crear espazos específicos para o esparexemento e exercicio das mascotas. O proxecto foi presentado este luns polo alcalde, José Tomé, que situou a iniciativa dentro das actuacións previstas en materia de benestar animal e mellora dos servizos urbanos. O alcalde enmarcou a iniciativa na folla de ruta municipal en materia ambiental e sostivo que a maior presenza de animais de compañía fai preciso habilitar espazos nos que poidan moverse con regularidade e relacionarse en condicións adecuadas.
A proposta municipal distribúe estas futuras instalacións en Covas-Pinguela, Florida, Estación e Hospital. O obxectivo, segundo explicou o rexedor, é que as persoas propietarias de cans conten cun recinto deste tipo a menos dun quilómetro das súas vivendas, evitando desprazamentos longos e facilitando o uso habitual destes espazos.
O primeiro recinto executarase en Covas-Pinguela, nunha parcela duns 1.300 metros cadrados da que xa dispón o Concello. Esa dispoñibilidade de terreos permitiu situar nesta zona a actuación inicial, mentres que as restantes iranse desenvolvendo conforme a administración local vaia pechando os emprazamentos necesarios. A previsión do goberno municipal é que todas as áreas teñan dimensións semellantes.
Os caniles contarán cunha zona pensada para a actividade física dos animais, con elementos específicos como túnel, eslalon e balancín. O deseño inclúe tamén superficie de céspede con rego, xabre compactado, zonas pavimentadas con lousa de granito e un espazo para o aseo das mascotas equipado con bañeira, mesa e fonte bebedeiro. A maiores, prevese a colocación de mobiliario para a espera e o descanso das persoas usuarias, tanto cuberto como ao aire libre.
Para activar o proxecto, o executivo local levará ao pleno do 30 de marzo a incorporación dos remanentes cos que financiar a redacción técnica. Esa primeira fase sae cun importe de 150.000 euros, aínda que a cifra definitiva dependerá das ofertas que se presenten ao concurso. Unha vez completado ese trámite, o Concello prevé licitar a obra do primeiro recinto co propósito de que os traballos poidan arrancar ao longo deste mesmo ano.
Tomé avanzou que a intención municipal é construír unha destas instalacións cada ano ata completar a rede nos vindeiros tres exercicios. O investimento estimado para o conxunto do plan sitúase arredor dos 600.000 euros. Segundo indicou, a previsión é que o primeiro canil poida entrar en funcionamento a finais de 2026 ou a comezos de 2027.
Tras o anuncio, o BNG expresou a súa satisfacción pola decisión municipal e lembrou que xa defendera unha proposta neste sentido en novembro de 2022, reivindicando unha vila máis adaptada á convivencia cos animais.•





