
O Concello de Monforte vén de poñer en marcha o procedemento para redactar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, un documento chamado a definir o desenvolvemento urbanístico do municipio nas próximas décadas. O anuncio realizouno o alcalde, José Tomé, nunha comparecencia na que avanzou que o goberno local levará ao pleno do 30 de marzo unha partida de 150.000 euros, con cargo á incorporación de remanentes, para cubrir a primeira anualidade dos traballos técnicos.
Segundo explicou o rexedor, a consignación desta cantidade constitúe o primeiro paso efectivo para activar un proceso longo e complexo, que deberá desembocar na aprobación dun novo marco urbanístico para o concello. A partir de agora, o Concello prevé redactar as bases técnicas e administrativas do concurso público co que se licitará a elaboración do PXOM, de xeito que as empresas especializadas poidan presentar as súas ofertas.
Tomé situou esta decisión dentro dos compromisos asumidos polo executivo municipal e defendeu que a redacción do plan responde á necesidade de actualizar a ordenación territorial de Monforte. O alcalde lembrou que o municipio segue rexéndose por unhas normas que precisan ser adaptadas á lexislación urbanística vixente e á transformación rexistrada tanto na cidade como no rural ao longo das últimas décadas.
DOUS INTENTOS ERRADOS
Na súa intervención, o alcalde tamén fixo balance dos dous intentos anteriores de dotar a Monforte dun plan xeral. Segundo sinalou, eses procedementos non chegaron a culminarse pese ao investimento realizado, que cifrou en 502.353,50 euros. O primeiro dos documentos fora contratado en 2003 e quedou paralizado en 2006; o segundo iniciouse en 2008 e foi retirado en 2013, en ambos casos sen chegar á aprobación definitiva.
O goberno local sostén que o novo PXOM deberá servir para ordenar o crecemento do municipio, definir o futuro dos núcleos rurais e prever a expansión de solo industrial. A intención, segundo expuxo Tomé, é dispoñer dun instrumento que permita harmonizar o desenvolvemento urbano, facilitar actividade económica e adaptar os distintos usos do solo á realidade actual do termo municipal.
A estimación económica manexada polo Concello sitúa o custo total do proceso en 859.100 euros, IVE non incluído, repartidos en seis fases e outras tantas anualidades. A primeira delas, cun prazo de seis meses, corresponderá á elaboración dunha cartografía válida para todo o territorio municipal, tanto nas áreas urbanizadas como nas rurais, cun importe previsto de 90.000 euros.
A segunda fase consistirá na redacción do borrador e do documento inicial estratéxico, cun prazo calculado de doce meses e un custo de 155.000 euros. A terceira dedicarase á elaboración do documento para a aprobación inicial, tamén cun ano de duración e o mesmo importe. A continuación abordarase o estudo ambiental estratéxico e a proposta do plan, un traballo que se prolongará durante dezaoito meses e que terá unha dotación doutros 155.000 euros.
O calendario previsto complétase cunha quinta fase, destinada ao documento para a aprobación provisional, orzada en 46.500 euros e cun prazo de seis meses, e cunha sexta etapa final para preparar a aprobación definitiva, cun custo de 108.500 euros e doce meses máis de execución. En conxunto, o proceso estenderíase durante 66 meses, sempre condicionado aos informes sectoriais preceptivos e á tramitación administrativa.
Na comparecencia, Tomé asegurou que o novo plan “marcará un antes e un despois no futuro de Monforte” e presentouno como unha peza clave para ordenar o territorio municipal tras corenta anos de cambios urbanísticos, demográficos e económicos. O alcalde recalcou que o PXOM non se limitará ao casco urbano, senón que tamén deberá reflectir a realidade das parroquias e das áreas de expansión, incorporando unha visión global do concello.
O rexedor incidiu en que a elaboración do PXOM precisará da participación veciñal e da colaboración doutras administracións, xa que antes da aprobación definitiva deberán emitirse distintos informes técnicos e sectoriais. O Concello defende que o documento deberá atender ao interese xeral e converterse nunha ferramenta estable para planificar o crecemento de Monforte con criterios actualizados. O Concello comezará nos próximos días a preparar a documentación do concurso aberto co que se contratará o servizo, distribuíndo o gasto en seis anualidades. Esa fórmula permitirá acompasar a redacción do plan á súa tramitación.•





