
O CPR Belarmino Fernández Iglesias acolleu unha xornada dedicada á maridaxe dos viños de Amandi con produtos das IXP Grelos de Galicia, Lacón Galego e Pataca de Galicia, organizada en colaboración co Concello de Sober dentro do Mes do Amandi. A actividade comezou cunha ponencia impartida por Marcos González Rodríguez, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, quen explicou ao alumnado o papel destes selos de calidade e a súa importancia na promoción da gastronomía galega.
Tras a sesión formativa, o estudantado dos ciclos de Cociña e gastronomía e de Servizos en restauración elaborou unha proposta de cata maridada. Como primeiro prato serviron unha sopa preparada cos caldos obtidos da cocción dos distintos produtos, acompañada dun Godello da subzona de Amandi. A continuación presentaron un tradicional lacón con grelos, pataca e chourizo, maridado cun Mencía xove do 2024 e cun Mencía barrica. A degustación pechouse cunha filloa rechea de crema pasteleira, completando unha experiencia que puxo en valor os produtos locais.•





