
A recuperación ambiental da Serra do Courel continúa avanzando con diferentes actuacións centradas na rexeneración das zonas afectadas polos incendios de 2022. Un dos espazos nos que se está a intervir é o Souto da Devesa, no concello de Folgoso do Courel, unha área de 25 hectáreas na que se están a desenvolver traballos forestais específicos.
As actuacións inclúen a retirada de árbores queimadas ou danadas, a eliminación de especies invasoras e tratamentos silvícolas para favorecer a recuperación do bosque autóctono, especialmente do castiñeiro, característico desta contorna. Estes traballos forman parte dun plan máis amplo de restauración ambiental deseñado para recuperar o equilibrio ecolóxico da zona. Unha parte das intervencións xa está executada e o resto das accións desenvolveranse nos próximos meses, coa previsión de que os traballos rematen antes do verán.•





