
Pantón volverá ser escenario do enduro o 29 de marzo cunha proba puntuable para a Liga Moto Café Candelas, organizada pola Liga de Moto de Campo en colaboración co Concello e diversas entidades locais. A saída está prevista ás 10.30 horas desde a Praza do Concello, desde onde os participantes se dirixirán aos circuítos do alto de Guítara, un dos puntos centrais do percorrido.
A competición incluirá tamén especiais na contorna do colexio Monte Baliño, co obxectivo de facilitar ao público o seguimento da carreira. O alcalde, José Luis Álvarez, explicou que estas localizacións permiten achegar o espectáculo á capitalidade municipal e favorecer a presenza de afeccionados ao longo da xornada.
A organización confirmou a inscrición de 120 pilotos. O responsable deportivo da Liga da Moto, Javier Quintas, destacou tanto o volume de participantes como o nivel deportivo, e destacou tamén o nivel dos pilotos, cunha ducia da categoría Elite, varios deles recentemente participantes no Nacional e situados entre os vinte mellores”.
O alcalde subliñou que a cita combina deporte e promoción do territorio. “Este domingo o motociclismo regresa a Pantón para que a afección poida desfrutar do enduro, e tamén da gastronomía, o patrimonio e a cultura do noso municipio”, afirmou, convidando á participación.
As inscricións continúan abertas a través da páxina web da Liga da Moto. •





