
Foto GPSRS.
O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra abriu o prazo de presentación de iniciativas na súa duodécima edición, coa intención de atraer propostas innovadoras que contribúan ao desenvolvemento do medio rural. A convocatoria permanecerá aberta ata o 31 de maio e permite a participación de persoas de calquera lugar, aínda que se valorarán especialmente os proxectos ligados ao territorio da Ribeira Sacra.
O certame repartirá un total de 20.000 euros en premios, distribuídos entre as tres mellores ideas presentadas. Ademais da dotación económica, a proposta gañadora terá acceso a un programa formativo de dirección empresarial, mentres que os dez proxectos finalistas poderán participar nun plan de formación específico.
As candidaturas deben formalizarse a través da páxina web oficial e deberán incluír unha descrición da iniciativa, a análise da súa viabilidade e a planificación temporal do seu desenvolvemento. O xurado seleccionará dez propostas finalistas, cuxos nomes se darán a coñecer o 27 de xullo.
Os proxectos seleccionados deberán ser completados e defendidos posteriormente ante o xurado. A resolución final está prevista para o 7 de novembro, nun acto que terá lugar en Monforte de Lemos, onde tamén se realizará a entrega dos galardóns.•





