O programa mobiliza máis de 25 millóns e inclúe investimentos, emprego e servizos sociais nos 67 concellos da provincia de Lugo

O pleno da Deputación de Lugo aprobou o pasado 31 de marzo por unanimidade a relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar con cargo ao Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2026, unha ferramenta que nesta anualidade suma 22,25 millóns de euros de achega provincial. Coas contribucións municipais, superiores aos tres millóns, o volume económico mobilizado elévase ata os 25,5 millóns de euros, destinados a financiar arredor de 300 actuacións, 274 novos postos de traballo e máis de 200.000 horas do Servizo de Axuda no Fogar.
A presidenta da institución, Carmela López, presentou o programa como unha peza central da política provincial e defendeu que constitúe “unha aposta estratéxica polo desenvolvemento equilibrado da provincia”, ao tempo que mellora servizos, crea emprego e reforza a cohesión territorial. Destacou tamén que a aprobación temperá dos proxectos facilita a súa execución.
O reparto dos fondos realízase a partir de criterios previamente fixados: poboación, número de núcleos, superficie e envellecemento, cun mínimo de 150.000 euros e un máximo de 600.000 por municipio. A deputada Pilar García Porto subliñou durante o debate o carácter “obxectivo e transparente” do sistema e defendeu que evita favoritismos, ao garantir que todos os concellos accedan a financiamento para actuacións que outras administracións non cobren. Segundo explicou, máis do 60% dos fondos concéntranse en infraestruturas e servizos básicos.
O capítulo de investimentos é o máis cuantioso. Supera os 17 millóns de euros e permitirá acometer obras e subministracións en toda a provincia. Dentro deste bloque destacan máis de 12 millóns destinados ao arranxo de estradas, mellora de accesos e pavimentacións. A relación de actuacións inclúe tamén intervencións en redes de abastecemento, iluminación pública, locais sociais, conservación patrimonial e mellora de instalacións municipais.
O plan incorpora ademais unha partida de 3,73 millóns de euros para a creación de emprego de proximidade. Con ela financiaranse 274 postos vinculados a tarefas de mantemento municipal, servizos públicos esenciais e programas de dinamización turística e social. Entre os perfís previstos figuran peóns, auxiliares administrativos, persoal de limpeza, técnicos de turismo, monitores deportivos, auxiliares de atención a maiores, xornalistas, enxeñeiros ou arquitectos.
O terceiro eixo do programa corresponde aos servizos sociais. Máis de 3,34 millóns de euros permitirán financiar 200.000 horas do Servizo de Axuda no Fogar nos concellos de menos de 20.000 habitantes, dando cobertura a unhas 2.000 persoas maiores, dependentes ou con discapacidade co obxectivo de reforzar a permanencia no fogar. O plan inclúe tamén fondos para actividades culturais, deportivas e turísticas, administración electrónica, protección de datos, Protección Civil e apoio a feiras e mercados locais.
Na súa intervención, o vicepresidente provincial, Efrén Castro, puxo o foco no valor práctico do programa para o municipalismo e asegurou que “é a única seguridade que teñen os concellos desta provincia”. Engadiu que “o investimento real que fan en obras a maioría dos concellos é con fondos do Plan Deputación” e reivindicou a continuidade dunha ferramenta que, ao seu xuízo, reparte os recursos con criterios obxectivos e cunha incidencia especial nos municipios pequenos.
O Partido Popular votou a favor, pero introduciu críticas. O seu portavoz, Antonio Ameijide, pediu elevar a dotación do plan para compensar o encarecemento das obras, advertindo de que a subida dos prezos dos materiais podería dificultar a execución dalgúns proxectos municipais. O popular reclamou tamén maior flexibilidade no uso dos fondos e cuestionou o recurso a convenios directos por parte do goberno provincial, aínda que recoñeceu que “é mellor este plan que ningún”.•





