A rede de residencias da Deputación consolídase como modelo de atención no rural

Nove centros en funcionamento ofrecen coidados personalizados e promoven o benestar das persoas maiores

A rede de residencias impulsada pola Deputación de Lugo segue a gañar peso como un dos piares da política social da institución, cun total de nove centros actualmente en funcionamento en distintos puntos da provincia. Trátase dun modelo público de atención a maiores asentado en concellos de pequeno tamaño, co obxectivo de achegar servizos asistenciais ao rural e facilitar que as persoas usuarias poidan continuar no seu entorno máis próximo.
Os tres primeiros Centros de Atención a Maiores abriron as súas portas en 2019 en Trabada, Pol e Ribadeo. Desde aquela, a rede foi medrando coa incorporación doutros seis equipamentos en A Fonsagrada, Castroverde, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e Ribas de Sil. A maiores, a Deputación mantén en fase de construción novas residencias en Becerreá, A Pobra do Brollón, Guitiriz e A Pontenova, dentro dun plan máis amplo integrado por dezaoito instalacións en total.
O modelo escollido pola administración provincial baséase en centros de dimensión reducida, orientados a ofrecer unha atención máis próxima e personalizada. Na actualidade residen neles arredor de 300 persoas, que reciben un seguimento integral adaptado ás súas necesidades físicas, funcionais, cognitivas e sociais.

ENVELLECEMENTO ACTIVO

A organización dos coidados articúlase a través de equipos profesionais multidisciplinares que desenvolven unha atención individualizada en función da situación de cada residente.
A vida diaria nestes centros complétase cunha programación estable de actividades dirixidas a favorecer o envellecemento activo. Entre as propostas figuran obradoiros de estimulación cognitiva, exercicio físico adaptado, dinámicas de socialización e iniciativas culturais e de lecer. O obxectivo destas accións é contribuír ao mantemento da autonomía persoal e promover un ambiente participativo no día a día das residencias.
Outro dos trazos deste sistema é a súa implantación en concellos de menos de 20.000 habitantes, unha circunstancia que permite reducir o desarraigo territorial e emocional das persoas maiores. Deste xeito, as residencias manteñen aos usuarios vinculados á súa contorna habitual e reforzan tamén a conexión coa comunidade local.
A Deputación presenta esta rede como unha resposta ao reto demográfico e á necesidade de garantir coidados públicos de calidade en toda a provincia, con independencia do lugar de residencia. A expansión destes centros busca, neste sentido, combinar proximidade, atención personalizada e igualdade de acceso aos servizos asistenciais. Deféndese unha rede asentada no ámbito local, pensada para evitar desprazamentos forzados e ofrecer un recurso estable ás familias no medio rural.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Monforte inicia a contratación da cafetería do complexo da Pinguela

Seguinte Nova

O BNG leva ao pleno da Deputación as protestas do persoal sanitario

Últimas noticias sobre SERVIZOS

Ir aInicio

Don't Miss