O escritor monfortino ven de publicar Conmigo muere tu secreto, un thriller de misterio no que prevalece a profundidade psicolóxica dos seus personaxes

Oficial da Policía Local do Barco de Valdeorras e graduado en Criminoloxía pola Universidade de Salamanca, Fernando Hernández González é o autor das novelas Juguetes de lo desconocido (2015) e Gotas de esperanza (2020). Neste 2026 publicou a súa terceira novela, Conmigo muere tu secreto, un thriller de misterio no que a profundidade psicolóxica dos personaxes constrúe una trama que destila tensión, incertidumbre e arrepentimento.
P: ¿Quen é Fernando Hernández González? ¿Como te definirías como escritor?
R: Considérome cada vez máis escritor, un escritor que vai sumando experiencia, coñecemento e ganas de seguir contando historias.
P: Policía de profesión e licenciado en Criminoloxía, comezaches a túa andaina literaria no ano 2015 coa túa primeira novela Juguetes de lo desconocido. Cal foi o motivo que te levou a emprender este camiño literario? Como o levas agora?
R: A miña primeira novela, Juguetes de lo desconocido, empeceina a escribir como un proceso de autoavaliación. Dende hai anos son un lector compulsivo, leo moitos libros ao longo do ano, e empecei a preguntarme se eu sería capaz de crear algunhas desas historias que a min me gustaba ler. Entón, un día empecei a escribir, cunha idea preconcibida que xa viña de cando estudaba Criminoloxía. Senteime diante do ordenador, e así comecei. Tiven que rematar a novela porque seguía e non paraba, así que 400 páxinas máis adiante decidín que había que parar e cheguei ao final. Era un manuscrito sen corrixir; dinllo á miña muller e a algúns amigos para que o lesen e gustoulles moito. Por esta razón, animáronme a publicalo, lanceime a autoeditalo e resultoume unha experiencia moi gratificante, polo que continuei con esta paixón por crear historias ata hoxe, once anos despois.
P: Conmigo muere tu secreto poderíase catalogar como un thriller de misterio, e para a construción dun bo thriller é importante que tanto a trama como os personaxes conflúan na creación dun ritmo dinámico e de incerteza. No proceso de escritura, paréceche máis determinante unha trama sólida ou definir grandes personaxes que enriquezan a profundidade do libro?
R: Sen unha trama consistente non hai libro, pero nesta novela teñen máis importancia os personaxes ca a trama. Evidentemente, a trama é o núcleo do libro, pero é un fío moi fino sobre o que van xurdindo as situacións, escenas e personaxes. Nesta novela, os personaxes son moi importantes; o que conto fágoo a través deles. Os seus diálogos falan moito dos escenarios, das situacións, e considero que esta é unha novela de personaxes. Non vou dicir que a trama sexa algo secundario, pero é moito menos importante ca os personaxes. De feito, cando empezo a escribir coñezo o inicio, defino unha trama sobre a que vou tecendo todo, e constrúo uns poucos personaxes principais, o protagonista e o antagonista. A partir de aí, a escrita lévame ás cousas que lles van sucedendo aos personaxes, e incluso son eles os que me levan a crear ou facer desaparecer outros personaxes e escenas.
P: Como se sente ter a potestade de decidir sobre o destino dos personaxes, sobre esa realidade ficticia que compós de principio a fin?
R: É unha das cousas que realmente me atrae como escritor: fabrico un mundo no que todo é ficción. Na novela hai certos personaxes reais que son puramente anecdóticos, incluso aparecen a modo de homenaxe; o demais é ficticio. Non é que te creas un ser superior, pero esa potestade de crear vidas, quitar vidas ou decidir que as súas vidas vaian cara a un lado ou outro supón un aliciente para min, é algo moi bonito. Ás veces fastídiate o feito de dotar un personaxe de certas características, porque ás veces cáeche moi ben ou moi mal e tes que levalo cara a un lado ou outro, e igual ata lle colliches cariño ou o odias profundamente. O poder crear eses mundos é algo moi especial, e é o que máis me gusta da escrita.
P: Algunha vez che pasou que un personaxe teu, ao que admiras ou odias, xere un feedback contrario nos lectores ao que pensas sobre el?
R: Non, polo que me comentan algúns lectores que len as novelas, coinciden comigo na definición de como son os meus personaxes. Nesta novela deixo moi claro como son os personaxes desde un punto de vista psicolóxico, como son as súas características persoais, se son bos ou se son malos… Non obstante, é posible que haxa algún personaxe que, a pesar de ser moi mala persoa, poida dar lugar a certa compaixón, pois as circunstancias da súa vida puideron levalo a esa vileza; pero, por regra xeral, os bos son bos e os malos son malos, tal e como eu os constrúo.•





