O evento reuniu a milleiros de persoas e desenvolveuse sen incidencias

Monforte pechou a pasada semana santa coa vixésimo segunda edición da súa Feira Medieval cunha elevada afluencia de público en rúas, prazas e distintos espazos do centro histórico. A cita reuniu milleiros de persoas, entre veciñanza e visitantes, nunha programación continua de recreación histórica, música, mercado e animación de rúa.
O mercado medieval, a oferta gastronómica e as actividades repartidas por zonas como a Praza de España, San Vicente ou o campo de terra dos Escolapios concentraron boa parte do movemento ao longo das dúas xornadas centrais. Entre as propostas con maior seguimento estiveron as xustas entre cabaleiros, as exhibicións de cetrería, os pasarrúas con personaxes fantásticos e as actuacións musicais, ademais do desfile do Gran Dragón.
Na noite do sábado, o percorrido con antorchas e a posterior solta de faroliños en San Vicente volveron reunir a centos de asistentes nun dos momentos máis concorridos da edición. O domingo mantívose a animación nas rúas e o ambiente festivo, con presenza constante de público nos distintos puntos do recinto.
O alcalde, José Tomé, cualificou a feira como “un éxito rotundo” e fixo un balance “moi positivo” dunha celebración que, segundo sinalou, se desenvolveu “sen ningún tipo de incidencia salientable”, malia o carácter multitudinario do evento. O rexedor destacou tamén a implicación da veciñanza e afirmou que “acompañaron os monfortinos e monfortinas” participando nas actividades e saíndo á rúa con traxes de época.
Tomé puxo igualmente o foco no desenvolvemento da xornada inaugural, que definiu como “espectacular” desde a apertura da mañá ata os actos nocturnos, e sinalou que o domingo mantivo “moi bo ambiente durante toda a xornada”. O alcalde engadiu que o bo tempo contribuíu ao seguimento da programación e amosouse confiado en que a feira poida celebrar na próxima edición a declaración de Interese Turístico Galego á que aspira o evento desde hai anos. Na apertura dos festexos, Tomé definira a cita como “unha das mellores festas de recreación histórica do noroeste peninsular”, valoración que reiterou tras o peche.•





