A candidatura da Ribeira Sacra reúne apoio político na recta final cara á decisión da Unesco

A Xunta reivindica no Congreso a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade como un proxecto estratéxico para o país . Foto ARQUIVO.

A candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga deu un novo impulso institucional coa intervención do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ante a Comisión de Industria e Turismo do Congreso dos Deputados. O responsable autonómico explicou aos grupos parlamentarios o estado dun proceso iniciado en 2017 e que afronta agora os seus meses decisivos antes da avaliación prevista para xullo na cidade coreana de Busán.
Durante a sesión, López Campos destacou as “boas sensacións” acumuladas ao longo destes anos e puxo en valor a implicación dos 26 concellos de Lugo e Ourense que integran o territorio candidato. Tamén subliñou o “total apoio” do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, así como a coordinación mantida co Ministerio de Cultura para avanzar “xuntos este ilusionante reto”.
O conselleiro explicou que a proposta se fundamenta nos atributos singulares dunha paisaxe configurada pola acción da auga, un enfoque que, segundo indicou, “non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”. Salientou ademais a relevancia dos canóns fluviais e do patrimonio hidráulico conservado, desde muíños medievais ata grandes infraestruturas que chegaron á actualidade.
No encontro tamén se detallaron os investimentos realizados nos últimos anos, que inclúen preto de oito millóns de euros destinados á conservación de máis de corenta bens patrimoniais e máis de noventa actuacións arquitectónicas e arqueolóxicas en igrexas, mosteiros, museos ou xacementos. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido”, afirmou López Campos.
Pola súa banda, o deputado lucense Francisco Conde solicitou unha declaración institucional de apoio á candidatura, que definiu como “unha iniciativa para proxectar un dos patrimonios culturais e paisaxísticos máis relevantes do país”. Conde destacou a importancia da viticultura heroica e do patrimonio románico, así como o potencial económico e turístico que suporía a futura declaración.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Ribeira Sacra superou o 84% de ocupación na Semana Santa

Seguinte Nova

O Lemos perde co Antela e frea as súas opcións de play-off

Últimas noticias sobre TURISMO

Ir aInicio

Don't Miss