
A Deputación de Lugo iniciou esta semana os traballos de mellora do firme na estrada provincial LU-P-5712, no concello de Sarria, unha vía que conecta a parroquia de Barbadelo co núcleo de Vilei e presta servizo directo a vivendas e explotacións agrarias da contorna. A actuación céntrase no primeiro treito da estrada, desde a súa orixe ata o punto quilométrico 1,2, e conta cun investimento de 80.000 euros.
Os traballos inclúen o estendido dun novo firme en aglomerado en quente, logo das actuacións previas de reapertura e limpeza de cunetas. A intervención completarase co repintado da vía e coa reposición da sinalización vertical, co obxectivo de mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria nun treito moi utilizado pola veciñanza.
A obra está a cargo da empresa Cholo SL e conta cun prazo de execución aproximado dun mes, condicionado polas condicións meteorolóxicas. Durante o desenvolvemento dos traballos poderán producirse cortes puntuais de tráfico, que estarán sinalizados, habilitándose percorridos alternativos para garantir a mobilidade e reducir as molestias.•





