
A promoción internacional da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial avanzou esta semana cun encontro celebrado na Casa de Galicia en Madrid, no que o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou ante embaixadores de 21 países os elementos que sustentan a proposta “Paisaxe da auga”. A xuntanza, que contou tamén coa participación do ministro de Cultura, Ernest Urtasun, situou de novo este territorio de Lugo e Ourense no foco das accións previas á avaliación que a Unesco realizará no mes de xullo en Corea do Sur.
Durante a sesión, á que asistiron representantes dos 26 concellos implicados e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, López Campos destacou que a candidatura é “sólida e con argumentos firmes”, resultado dun traballo conxunto entre administracións e equipos técnicos. Subliñou ademais que se trata dun proxecto “de país ante un reto compartido e ilusionante”, no que se puxo en valor a coordinación co Goberno central e a implicación do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta.
O conselleiro explicou aos diplomáticos que a proposta se fundamenta nos atributos “excepcionais e únicos” da Ribeira Sacra, centrados nunha paisaxe modelada pola auga e nun patrimonio hidráulico que abrangue desde muíños medievais ata grandes saltos. Animounos tamén a visitar o territorio para coñecer de primeira man un espazo que definiu como “un orgullo compartido e parte dos valores da Galicia calidade”.
Entre os asistentes estivo o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, quen salientou o “excelente traballo” desenvolvido e expresou a súa confianza nun resultado favorable: “Estou convencido de que a Ribeira Sacra recibirá este prestixioso recoñecemento internacional”. O rexedor lembrou a implicación das institucións galegas e a mobilización social que acompañou o proceso desde os seus inicios.
A xornada concluíu cunha mostra gastronómica , mentres a Xunta avanzou que nas próximas semanas se celebrará unha acción promocional en París, de cara ao Comité da Unesco.•





