Trátase do único vestixio que segue en pé da fortaleza do século XIV sobre a que se reedificou o Pazo de Tor

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo puxo en marcha esta semana os traballos de consolidación e reparación dos restos da antiga Torre de Tor, no municipio de Monforte, unha estrutura medieval do século XIV da que se conserva un fragmento integrado no conxunto do Pazo de Tor. A actuación céntrase nun tramo situado no lado leste do edificio principal, onde aínda se mantén en pé unha parte da torre cunha altura aproximada de 6,20 metros.
A estrutura presenta un avanzado estado de deterioro debido ás filtracións de auga e á presenza de vexetación, factores que provocaron abombamentos e o inicio de fendas nos seus paramentos. Estas afeccións foran obxecto dunha intervención provisional o pasado ano, mais agora abórdase unha actuación máis completa que permitirá estabilizar definitivamente o elemento arquitectónico.
Os traballos, iniciados o pasado mércores, inclúen a retirada progresiva do recheo interior mediante escavación por capas, a restauración dos muros e a aplicación de solucións de impermeabilización para evitar novos danos. Ademais, está prevista a execución dun acabado superficial que permita acondicionar o espazo, sempre baixo supervisión arqueolóxica para garantir a protección dos posibles restos de interese histórico.
A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou que “se trata dunha actuación en profundidade, para consolidar e poñer en valor os restos da fortaleza sobre a que se construíu o Pazo de Tor e que nos remiten ao século XIV”. Neste sentido, sinalou tamén que a intervención permitirá avanzar no coñecemento das características construtivas deste elemento, que até o momento non fora obxecto dunha atención acorde coa súa relevancia patrimonial.
Este proxecto intégrase nunha liña de actuacións desenvolvidas nos últimos anos no conxunto do Pazo de Tor, orientadas á conservación e mellora do seu valor histórico. Entre elas figuran a recuperación de tramos do muro de peche que delimita o horto e o xardín, a substitución do portón de acceso entre ambos espazos ou a restauración do frontón do edificio principal.
Coa execución desta nova intervención, a institución provincial continúa avanzando na protección e posta en valor dun dos enclaves máis representativos do patrimonio histórico da Ribeira Sacra, reforzando o seu potencial cultural e turístico.•





