
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de sacar a concurso as obras de reforzo do firme en varias vías autonómicas da provincia de Lugo, cun investimento global de máis de 3,6 millóns de euros. As actuacións desenvolveranse en seis tramos que suman 63,7 quilómetros e afectan a dez concellos, nos que residen máis de 45.000 persoas.
Os traballos consistirán na renovación da capa de rodadura mediante a aplicación de mesturas asfálticas, con intervencións adaptadas ao estado de cada vía. A actuación máis relevante executarase na LU-633, entre Pedrafita e o Alto do Hospital, que concentra a maior parte do orzamento e inclúe diferentes treitos ao seu paso por concellos como Triacastela, Sarria, Paradela ou Portomarín.
Tamén se intervirá na LU-546, que comunica Nadela con Monforte, e na LU-621, entre Láncara e Baralla. O prazo para presentar ofertas permanecerá aberto ata finais de maio e estímase unha duración das obras de seis meses.
Estas actuacións enmárcanse na conservación da rede viaria autonómica, orientadas a mellorar a circulación e reforzar a seguridade nas comunicacións da provincia.•





