A actuación completa os 9 quilómetros da infraestrutura e reforza a conexión coa alta velocidade

Adif puxo en servizo un novo tramo ferroviario de 1,6 quilómetros que completa a variante da Pobra de San Xiao, no corredor Ourense-Monforte de Lemos-Lugo. A actuación, cun investimento de 18,6 millóns de euros, prolonga a infraestrutura xa en funcionamento desde 2018 e discorre polos concellos de Láncara e Sarria, dentro do plan de modernización desta liña.
O novo treito inclúe a construción da plataforma ferroviaria, preparada para tráfico mixto de viaxeiros e mercadorías e con capacidade para vía dobre, así como a súa conexión coa rede existente. Os traballos abrangueron tamén a instalación de sistemas de seguridade, comunicacións e electrificación, ademais da retirada do trazado anterior que queda en desuso. Entre os elementos singulares destacan un falso túnel de 300 metros e varios pasos inferiores e superiores que melloran a permeabilidade do territorio e facilitan o tránsito entre ambos lados da infraestrutura.
A variante da Pobra de San Xiao sitúase no tramo Monforte-Lugo da liña León-A Coruña. A posta en marcha dos primeiros quilómetros permitira eliminar varios pasos a nivel, incrementando a seguridade e reducindo tempos de viaxe. A infraestrutura conta con túneles e viadutos de distinta lonxitude, que salvan a complexidade orográfica da zona e permiten unha circulación máis eficiente dos trens.
Este avance intégrase nun plan máis amplo de renovación do corredor, que suma investimentos próximos aos 626 millóns de euros. Entre as actuacións previstas inclúense a construción do túnel de Oural, xa operativo, a modernización de estacións e a renovación integral da vía, con substitución de travesas e balasto e reforzo de estruturas ao longo de máis de cen quilómetros.
Ademais, o proxecto contempla a electrificación do tramo Monforte-Lugo, a adaptación da liña ás novas esixencias técnicas e a mellora dos sistemas de sinalización. Tamén se prevén intervencións en estacións como Monforte ou Sarria para mellorar a accesibilidade e a funcionalidade dos servizos ferroviarios e a atención aos usuarios.
Segundo o Ministerio, estas actuacións buscan reforzar a conectividade ferroviaria da provincia e avanzar na integración da rede galega co sistema de alta velocidade, favorecendo o transporte sostible, a mobilidade eficiente e a vertebración territorial.•





