O cantautor ferrolán publicou o pasado 27 de febreiro Lúa, un álbum sumamente personal no que reflexiona sobre as dúas caras do sentimento vital

P: ¿Quen é Andrés Suárez? ¿Como te definirías como músico?
R: Hostia, comezas forte, fáltame un café para responderche (risas). Como persoa téñoo claro, pero como artista supoño que serei a suma de moitas cousas, ou a suma de todas as casetes que poñía meu pai. Supoño que son un cantautor con alma de rockeiro, porque empecei e sigo soñando con xirar coa miña banda, pero bebín de todo canto caeu nas miñas mans e oídos. Obviamente Silvio Rodríguez, Pablo Milanés, Luis Eduardo Aute, Sabina ou Serrat, pasando por José Afonso, Franco Battiato, Juan Luis Guerra, e de aí ao que che dicía, todo o rock transgresivo, como Escorbuto, Platero y Tú ou Extremoduro. Se sumas todo iso, que non está mal a batidora (risas), saio eu. Son unha persoa que tenta fuxir con toda a forza que pode das etiquetas. Entendo que tedes que chegar aí, á canción de autor, ao pop, ao jazz, ao blues… Eu fago música, tío.
P: O pasado 27 de febreiro publicaches o teu último traballo discográfico, “Lúa”, un disco que remite ao oínte a esa sensibilidade intimista tan particular que caracteriza as túas cancións. Ademais, en numerosas entrevistas falaches do carácter simbólico da lúa, desas dúas caras que representan o contraste persoal entre o lado positivo e negativo da vida. ¿Considerarías este disco como unha catarse necesaria no punto persoal e profesional no que te atopas? ¿Como explicas ese poder máxico da música para axudarnos a soltar lastre?
R: Pois mira Mateo, como che dixen, eu son do 83 e de Ferrol, e con moita honra, pero os que somos desa xeración e dese lugar non podiamos falar de saúde mental, e quen che diga que non, mente, isto é así. Unha persoa que falaba de depresión, cun psiquiatra ou psicólogo, era un toliño, e apartábano da pandilla. Hoxe en día, a xeración dixital trae moitas vantaxes, e unha delas é que se pode falar libremente da saúde mental, e eu veño dunha depresión diagnosticada, iso é Lúa. O ano 2024 foi o peor ano da miña vida de lonxe, sumado a un 2025 aínda peor. Entón, podo falar de que se sae do pozo escuro e, paradoxalmente, foi a música a que me salvou. En 2024, foi a primeira vez na miña vida na que chamei a unha persoa á que lle teño moito cariño, o meu mánager, para cancelar unha xira, porque eu non me vía capaz de subir a un escenario, foi un shock persoal. Non son distinto a ninguén, vivín unha dor profunda por unha mala ruptura sentimental, e iso levoume a non querer saír da cama, non poder lembrar as letras das miñas cancións, perder a noción temporal e de lugar… A música da que eu quería fuxir foi a que me salvou, manda carallo, por iso agora estou cantando a Lúa. A lúa ten dúas caras, a escura e negra que algo agocha, e a que fulxe e trae ao meu pai mariñeiro á casa. Entón, gústame falar de saúde mental, gústame falar da metáfora desas dúas caras, do lugar máis escuro a un lugar que agora está cheo e que brilla. Non o fago por ser exemplo de nada, senón porque se sae, e compartir a dor, nestes tempos prebélicos, penso que axuda e penso que pode aliviar a alguén ahí fora.
P: ¿Pode chegar a dar vertixe o proceso de composición dun disco así, no que te enfrontas na súa totalidade con quen es e o expoñes ao resto do mundo?
R: No meu caso, querido Mateo, é a única vía posible, non concibo outra realidade e, é máis, páganme por iso, é o meu traballo. Con todo o respecto ás miñas compañeiras e compañeiros de oficio, falan de planetas que non sei se existen, de uranio, Saturno, constelacións… todo marabilloso. Eu falo do alzhéimer dos meus avós, do párkinson dunha amiga miña de Salamanca, da miña ex, dunha ruptura ou dun amor eterno e fugaz nun cuarto de hotel en Santiago de Compostela. Se eu non publico iso, non estaría ben. Isto de que agora dea vertixe compartir a dor ou falar de sensacións ou emocións estáme preocupando moito, nunca na vida vira tanto medo a posicionarse politicamente, a falar sen tapuxos de sentimentos, sexa o amor, o desamor ou dicirlle a un avó, un pai ou unha nai que a queres. Hostia, non sei que nos pasa co móbil, pero andamos un pouco lonxe. O outro día, un compañeiro teu de oficio dicíame, despois de escoitar o disco en Estudios Moraima e abrazados a bágoa viva, “carallo, está feito con IA, Intelixencia Animal”, e iso encantoume, macho. Creo que hai que ser máis humano ca nunca, hai que dicirlle á persoa de ao lado que a queres, hai que levantar a vista da pantalla e ver quen temos diante, que nos estamos a illar e cubríndonos dun plástico que non nos está sentando ben.
P: Estás inmerso na xira de presentación do disco, e sobrevoa unha pregunta recorrente para min. Unha das cousas máis complexas para un músico é conectar coas súas cancións á hora de tocalas, conseguir facelas “súas” ao interpretalas diante do público. ¿Cal dirías que é a clave para establecer esta sinerxía definitiva coa túa verdade musical no escenario?
R: A clave acabas de dicila ti, é ser verdade e non finxir. Nun planeta no que cada venres saen non sei cantos millóns de cancións, millóns de series, películas, documentais, contido de redes sociais… a xente sabe onde hai verdade e onde non, a xente elixe moi ben. Crer que o público é parvo pode levarte a un lugar moi perigoso, o público é moi sabio. A miña maneira de conectar é ensinar en redes ou documentais que isto é o que son, o que ves e o que estás a oír cando me subo a un escenario. Pode gustarche ou pode non gustarche nada, iso é outro tema, pero eu non son unha persoa no escenario e outra fóra del. Esta intensidade coa que me escoitas falar son eu, e este galego de aldea, con moita honra, intenso, romántico e fillo de mariñeiro, son eu. Non se trata de nada máis ca de mostrarme.•





