
O Concello de Monforte porá en marcha o vindeiro 1 de xuño o obradoiro dual de emprego A Pinguela III, un programa que permitirá a contratación de 24 persoas entre alumnado e persoal técnico durante nove meses. A iniciativa, cun investimento superior aos 526.000 euros, está financiada con achegas autonómicas e municipais tras a concesión dunha subvención solicitada a finais do pasado ano.
O proxecto inclúe 20 prazas para alumnos traballadores e catro postos para o equipo de dirección e apoio. Desenvolveranse dous módulos formativos centrados na carpintería e na albanelería, ámbitos con demanda laboral. Ademais da formación, o programa contempla incentivos á contratación posterior.
As actuacións abranguen melloras na Escola Obradoiro e intervencións en espazos afectados polos incendios de 2025, así como a recuperación de equipamentos e mobiliario urbano.•





