Monforte rende homenaxe aos policías Eusebio Cuesta e Francisco Cao coa Medalla de Ouro do Concello

O Pleno extraordinario do concello de Monforte recoñeceu a entrega dos axentes da Policía Local no accidente sufrido en acto de servizo en agosto de 2025

O Concello de Monforte de Lemos celebrou o pasado 20 de abril un Pleno extraordinario no que se fixo entrega da Medalla de Ouro municipal aos axentes da Policía Local Eusebio Cuesta Vázquez, a título póstumo, e Francisco Cao de Jesús, en recoñecemento á súa actuación nun accidente ocorrido en acto de servizo no verán de 2025. A sesión contou coa presenza de familiares, compañeiros e representantes institucionais, e comezou cun minuto de silencio en memoria do axente falecido.
O sinistro produciuse na madrugada do 23 de agosto, cando ambos policías participaban nun operativo para dar o alto a un condutor que tratara de evitar un control de alcoholemia. Durante a persecución, o vehículo provocou un accidente no que perdeu a vida Eusebio Cuesta e resultou ferido o seu compañeiro. A Corporación municipal acordara xa no mes de outubro conceder esta distinción de forma unánime, que se materializou agora nun acto institucional cargado de simbolismo.
Durante a súa intervención, o alcalde destacou que aquela xornada “é un día de triste recordo para o Concello de Monforte e, de xeito especial, para o Corpo de Policía Municipal”, ao tempo que puxo en valor o labor desenvolvido polos dous axentes. Subliñou que con esta homenaxe se pretende recoñecer “a valentía e compromiso destes profesionais coa cidadanía e coa seguridade de todos os veciños e veciñas”.
O rexedor fixo fincapé na dimensión humana da súa traxectoria, sinalando que “Eusebio e Francisco non son só nomes nunha placa ou nun uniforme, senón o reflexo do sacrificio, da entrega e da coraxe”. Neste sentido, incidiu en que o exercicio da función policial implica “unha vocación de risco asumido, estando onde se lles necesita, a miúdo poñendo en segundo plano a súa propia integridade”.
A imposición das medallas supón o peche formal do procedemento de concesión de honras e distincións, mais tamén un recoñecemento público ao compromiso demostrado polos dous axentes no desempeño do seu traballo. O alcalde trasladou tamén unha mensaxe de apoio ás familias e ao corpo policial, lembrando que “o recordo do seu labor permanecerá vivo no Concello”.
A sesión desenvolveuse nun ambiente marcado pola emoción e polo respecto, nun acto co que a institución local quixo deixar constancia do agradecemento colectivo a quen exerceu o seu servizo público ata as últimas consecuencias.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Entra en servizo o novo treito da variante da Pobra de San Xiao no corredor ferroviario Lugo-Monforte-Ourense

Seguinte Nova

O Conservatorio de Monforte celebra o seu aniversario cun concerto de profesorado

Últimas noticias sobre SOCIEDADE

Ir aInicio

Don't Miss