O centro participa cun proxecto sobre reutilización de residuos no principal escaparate da FP galega

A innovación desenvolvida no IES A Pinguela tivo presenza destacada no congreso FP Innova 2026, celebrado recentemente na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O centro monfortino participou cun proxecto centrado na reutilización e valorización de residuos de cabelo para a obtención de biomateriais sostibles, unha iniciativa que exemplifica o potencial da Formación Profesional no ámbito da investigación aplicada.
O encontro reuniu a preto de 700 docentes e representantes de máis de corenta empresas, ademais de alumnado procedente de distintos centros galegos, que presentaron máis de setenta propostas innovadoras vinculadas ao emprendemento e á tecnoloxía. Neste contexto, a proposta do instituto monfortino situouse entre os traballos que exploran novas vías de sustentabilidade e aproveitamento de recursos.
A participación do IES A Pinguela en FP Innova enmárcase dentro da aposta da Xunta por reforzar a innovación na Formación Profesional a través do Plan Innova FP Galicia 2026-2030. Este programa prevé a incorporación de ferramentas tecnolóxicas avanzadas, como plataformas de simulación ou contornas virtuais, co obxectivo de mellorar a capacitación do alumnado e adaptar a formación ás demandas do mercado laboral.
Durante a feira, o alumnado tivo tamén a oportunidade de coñecer outras iniciativas en ámbitos como a robótica, a biotecnoloxía ou a intelixencia artificial, así como participar en obradoiros prácticos.•





