
O túnel de Montefurado, situado no concello de Quiroga, foi incluído no II Catálogo de Actuacións no Patrimonio das Obras Públicas elaborado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos. O documento, presentado no Congreso de Patrimonio da Obra Pública e a Enxeñaría Civil, recolle máis dun cento de infraestruturas que precisan medidas de conservación ou difusión, entre elas esta obra romana creada para modificar o curso do Sil e facilitar a extracción aurífera.
Segundo o catálogo, o túnel mantén un estado “razoablemente bo” para a súa antigüidade, aínda que presenta tramos afectados por derrubes, erosión e acumulación de sedimentos. A vexetación dificulta o acceso e a lectura do trazado, polo que os enxeñeiros consideran necesario un plan integral que inclúa estudos xeotécnicos e arqueolóxicos destinados a consolidar as zonas máis fráxiles e frear procesos erosivos.
O informe propón tamén unha limpeza controlada da contorna e a creación dun itinerario sinalizado que conecte o túnel co poboado de Montefurado e coa igrexa de San Miguel. A instalación de paneis interpretativos permitiría explicar o funcionamento deste sistema hidráulico romano e o seu papel na explotación aurífera do Sil.
Os autores lembran que “un patrimonio así debe ser coñecido e valorado”, insistindo na importancia de garantir a súa preservación. •





