A plataforma veciñal e colectivos patrimoniais critican o impacto no río Cabe e o goberno local insiste en que a actuación mellorará a mobilidade e nega afeccións ambientais relevantes

A plataforma Salvemos o Malecón celebrou na Praza de España de Monforte un acto informativo que reuniu arredor de medio milleiro de persoas para analizar o proxecto da nova ponte sobre o río Cabe. A convocatoria estivo conducida pola portavoz do colectivo, Victoria Saco, e contou coa participación dos arquitectos Luis Jarque López e Plácido Lizancos Mora, quen abordaron aspectos técnicos da intervención e o seu encaixe na contorna urbana.
Durante o encontro, expuxéronse as principais críticas ao proxecto, centradas no seu impacto paisaxístico e na afección a un espazo considerado de alto valor ambiental e patrimonial. Tamén se cuestionou o modelo de mobilidade que propón a actuación, defendendo alternativas que prioricen o uso peonil da zona. O acto incluíu unha quenda aberta de intervencións do público, no que se trasladaron dúbidas e valoracións sobre a proposta municipal.
Ao mesmo tempo, a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) fixo público o seu rexeitamento á iniciativa, advertindo de posibles afeccións sobre o patrimonio e a paisaxe na contorna do Cabe. Pola súa banda, o BNG de Monforte sumouse ás críticas e denunciou falta de información técnica, ao tempo que puxo en valor o traballo da plataforma na difusión de documentación sobre o proxecto.
O acto contou tamén coa presenza de representantes políticos da oposición, entre eles Katy Varela (PP), Emilio Sánchez (BNG) e Germán Vázquez (Esperta Monforte), que seguiron as intervencións e participaron no debate social aberto arredor desta actuación.
A RESPOSTA DO ALCALDE
Pola súa banda, o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, restou relevancia á mobilización cidadá, que cualificou como “unha protesta promovida por forzas políticas da oposición”. Segundo indicou, a participación foi limitada en relación coa poboación total do concello e non considera que deba condicionar a acción do goberno local. “Respectamos todas as opinións, pero iso non pode impedir que levemos adiante os proxectos comprometidos”, sinalou.
O rexedor defendeu que a actuación permitirá compatibilizar a peonalización da ponte vella coa mellora das comunicacións entre diferentes zonas da cidade. Lembrou que a proposta forma parte do programa electoral co que concorreu ás eleccións e criticou a postura da oposición, á que acusou de opoñerse de maneira sistemática ás iniciativas do equipo de goberno.
En relación ás acusacións de falta de información, Tomé asegurou que o proxecto estivo en exposición pública e que calquera cidadán puido consultalo. Negou tamén que se vaian producir afeccións ambientais de gran magnitude, indicando que “non se eliminarán zonas verdes e apenas se verá afectada a vexetación existente”. O alcalde tamén cuestionou as recreacións gráficas difundidas polos colectivos críticos, ás que acusou de non axustarse á realidade do proxecto e acusou á oposición e á plataforma de difundir información falsa.
Respecto aos prazos, explicou que a execución depende da autorización da Confederación Hidrográfica, que deberá resolver as alegacións presentadas nun prazo de seis meses. No caso de obter informe favorable, o Concello iniciaría o a licitación e posterior execución das obras, seguindo os trámites habituais. Mentres tanto, o debate sobre o futuro do Malecón continúa na rúa, nuns tempos de alta crispación política.•





