
Sober acollerá os días 7 e 8 de maio unha nova edición de O Encontro. Diálogos rural‑industria, organizado por CESUGA no Áurea Palacio, que reunirá representantes empresariais, responsables institucionais e profesionais de múltiples sectores. O foro estrutúrase en dúas xornadas intensas que combinan mesas de debate, espazos de networking e actividades divulgativas centradas nos desafíos do rural galego. A sesión inaugural contará con intervencións da Confederación de Empresarios de Lugo, da Confederación de Empresarios de Galicia, da Xunta e do CES Galicia, antes de abrir un primeiro bloque dedicado ao sector primario e á distribución alimentaria, no que participarán cooperativas, adegas e empresas de referencia.
A continuación celebrarase unha mesa sobre alianzas entre economía e medio ambiente, coa presenza de compañías enerxéticas, industrias vinculadas aos recursos naturais e organismos públicos. A mañá rematará cun aperitivo e unha comida de networking reservada para participantes acreditados, seguida dun café‑tertulia protagonizado polo profesor Fulton Armstrong, que abordará cuestións de análise internacional e estratexia empresarial. Pola tarde, o programa centrará a atención no relevo xeracional, no papel da mocidade e das mulleres no rural, así como na importancia da formación e da profesionalización. Tamén se analizará a incorporación de tecnoloxías aplicadas á produción agraria, á xestión forestal e á innovación empresarial, con intervencións de compañías especializadas en drons, intelixencia de datos e solucións tecnolóxicas.
O día pecharase cun panel dedicado ao sector forestal e outro sobre tradición e identidade como elementos de impacto positivo, seguido dunha degustación de produtos con selo de calidade e dunha verbena aberta ao público. Durante toda a xornada funcionará un espazo de asesoramento para emprendedores e iniciativas de remuda xeracional, pensado para facilitar contactos e orientar proxectos vinculados ao rural. O venres 8 abrirase cun almorzo executivo e continuará con mesas dedicadas á xestión de riscos no sector agroalimentario, ás estratexias empresariais e ao papel das persoas nas organizacións. A programación incluirá tamén un debate sobre vivenda, infraestruturas e servizos clave para garantir o futuro do rural galego, así como unha mesa centrada na internacionalización dos sectores pesqueiro e conserveiro. A clausura contará coa participación do alcalde de Sober xunto cos organizadores e representantes institucionais.•





